FESTAS

Volven as Festas da Ascensión do 13 ao 16 de maio

04/05/2021 Despois dun 2020 sen Ascensión por mor da pandemia, volven as festas compostelás por excelencia, do xoves 13 ao domingo 16, con concertos na prazas, teatro, alboradas e pasarrúas; iso si, cumprindo con todas as medidas anticovid. O programa completo presentouno o concelleiro de Festas, Gonzalo Muiños.

A praza do Obradoiro será o escenario dos catro principais concertos, todos de balde, que arrancan o xoves 13 con Andrés Suárez, Cepeda e Sidecar (e algunha sorpresa), dentro do programa "Concertos únicos Dial Santiago". O venres 14 será o turno das galegas De Vacas, ás que seguirán no escenario o sábado 15 María Arnal e Marcel Bagés. O dúo de orixe catalá presentará neste concerto, promovido por Estrella Galicia, o seu último e esperado traballo, Clamor, tras pechar cun dobrete de entradas esgotadas en Madrid a serie de pre-estreos do álbum. O ciclo remata o domingo 16 coa actuación da Banda Municipal de Música baixo o título "Unha noite de amor con Lela". Todos os concertos serán ás 20.00 horas, agás o da banda, que se adianta ás 19.30 h. O aforo da praza do Obradoiro non superará as 700 persoas e será preciso a retirada previa de convite no despacho de billetes do Teatro Principal.

A praza da Quintana será outro dos escenarios destas Festas da Ascensión. Nela danzarán as comparsas de Cabezudos a partir das 12 h do xoves 13 (nesta ocasión non hai percorrido polas rúas); así como o grupo Brincadeira, acompañado pola Banda Municipal, o mesmo día ás 19.30 h. O domingo 16 ás 12.00 h será o turno para a actuación dos grupos de baile tradicional Cantigas e Agarimos, Colexiata de Sar, Brincadeira e Ultreia. A entrada para todas elas será libre ata completar o aforo, que non poderá superar as 400 persoas.

Actividades para os máis pequenos
O programa da Ascensión recolle tamén actividades pensadas para os máis pequenos da casa: o espectáculo Dona Barriga Verde, o xoves 13 no Teatro Principal; e tres na Alameda o venres, sábado e domingo: "A Gran Viaxe", "Rojo" e "A Corda". Para todos eles será preciso retirar convite.

O programa complétase con danza, teatro, paseos guiados pola Compostela de Xela Arias ou Emilia Pardo Bazán, alboradas e o xa clásico Torneo da Chave, que chega neste 2021 ás súa XLIV edición.

Imaxe
Este ano o cartel rememora unha antiga atracción de feira que estaba presente nas festas: "A sorte do paxariño". Segundo indicou o concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, este saía da gaiola a petición dos veciños e collía un papeliño cunha mensaxe de boa ventura. "Agardamos que esta Ascensión veña chea de bos desexos", indicou o edil "e que sexa a última que se celebra nestas condicións de pandemia" porque a intención é recuperar formatos como "a festa dos maiores ou a feira cabalar", que este ano non se puideron incluir. Gonzalo Muiños fixo fincapé na intención do concello de non renunciar "a seguir facendo actividades, aínda que sexa con pequenos aforos" e seguir apostando polas festas e a cultura, "de xeito seguro".

Documentos relacionados



Compartir: