XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba a apertura do procedemento para adxudicar os fogos do Apóstolo 2021, cunha licitación de preto de 290.000 euros

12/04/2021 A Xunta de Goberno local aprobou hoxe o expediente denominado "Deseño, produción, montaxe e realización do espectáculo pirotécnico das festas do Apóstolo 2021 do Concello de Santiago de Compostela" e a apertura do procedemento de adxudicación mediante procedemento aberto. O contía da licitación establécese en 289.629,93 euros.

O alcalde destacou en rolda que prensa que tamén se deu luz verde á adquisición dun 31% das accións de UNINOVA S.L. polo importe acordado de 55.677 euros, conforme aos obxectivos recollidos no programa "Compostela Móvese 2020 COVID19". Coa compra deste paquete de accións, o Concello pasa a ser propietario do 80 % da Sociedade para a Promoción de Iniciativas Empresariais Innovadoras SL. O outro 20% queda en mans da USC.

Por outra banda, deuse conta da comunicación realizada pola Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia relativa á autorización da posta en servizo da estación de autobuses de Santiago de Compostela integrada da estación intermodal, fixándose o día 3 de maio de 2021 como data efectiva desa posta en servizo. Tamén se acordou realizar os trámites pertinentes orientados a materializar o encargo á Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano de Santiago SA (TUSSA) da xestión da explotación tanto da estación de autobuses como das superficies e instalacións comprendidas dentro do recinto dela, na que tamén se inclúe a pasarela.

Na reunión do goberno local tamén se aceptou a subvención da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Emprego e Igualdade, por importe de 184.252,20 euros, para posta en práctica do programa integrado en materia de emprego, Proxecto "Santiago E-COM II", sendo o gasto total de 230.315,25 euros. Os outros 46.063,05 euros apórtaos o Concello. Trátase dun programa de acompañamento para a inserción laboral para mulleres, na que se estudan os perfís profesionais e se lle da formación en oficios concretos; e, a maiores, formación polivalente á carta que lle pode ser de utilidade como idiomas, informática, etc. Durante un ano, faise un acompañamento exhaustivo das participantes, con entrevistas períodicas e facilitación de ofertas de emprego que encaixen co seu perfil.

Licenzas
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a fase 9 do "Plan de despregamento da rede de fibra óptica (FTTH) Orange/Jazztel na cidade histórica de Santiago de Compostela", que conta cun orzamento de execución material de 38.905,10 euros; que se desenvolverá en dous ámbitos de actuación.

O primeiro, a contorna da catedral, afectará a Quinteiro da Rúa do Franco, Rúa Fonseca, Rúa da Raíña e Praza de Fonseca; e Praza do Obradoiro nº 3 (catedral de Santiago) e nº 4 (Pazo de San Xerome). O segundo, no barrio de San Pedro, contempla o despregamento da fibra óptica en Quinteiro da Rúa de San Pedro, Campo do Forno, Calzada de Santo Antonio e Calzada de San Pedro; Rúa do Medio (núm. 22 a 42); Rúa Carricova (núm. 1 a 5); Rúa Travesa de San Pedro (núm. 4 a 6); Rúa Travesa de San Pedro (núm. 4 a 6); Rúa do Rosario (núm. 1 a 29); Rúa de Bonaval (núm. 1 a 31); Rúa da Costiña do Monte (núm. 1 a 20); Quinteiro da Rúa de Belvís, Campo de Santo Antonio e Corredoira das Fraguas: Rúa da Virxe da Cerca (núm. 1 a 30); Rúa das Trompas (núm. 1 a 21); e Ruela da Tafona (núm. 1 a 8).

Na reunión do executivo local tamén se acordou conceder á "Fundación Catedral de Santiago de Compostela licenza para restaurar a cuberta da capela da Comuñón, cun orzamento de execución material de 175.505,31 euros.

Documentos relacionados



Compartir: