ACCIÓN CULTURAL E TURISMO

Santiago acolle esta semana unhas xornadas arredor dos arquivos sonoros e a tradición contemporánea

22/03/2021 Esta mañá presentouse no Concello de Santiago o programa das xornadas "O QUE NON SE ESCRIBE. ARQUIVOS SONOROS E CREACIÓN CONTEMPORÁNEA", que propón entre o mércores e o sábado desta semana distintas actividades de aprendizaxe e experimentación sobre o noso patrimonio sonoro. Na presentación participaron Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural; Sindo Guinarte, concelleiro de Turismo; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; e Aitana Cuétara, directora de LUNEDA PRODUCIÓNS e responsable do programa.

Mercedes Rosón sinalou que con estas xornadas "queremos visibilizar todos eses sons que configuran a nosa paisaxe sonora. Os espazos tamén se distinguen polos seus sons, e isto é o que se quere reivindicar desde este proxecto". Porque, engadiu Valentín García, "son unha parte da nosa xeografía, da nosa paisaxe acústica; e todo iso entronca coa recuperación da cultura tradicional e coa análise dos universos sonoros que nos rodean".

O programa, do que deu conta Aitana Cuétara, arrancará o mércores 24 ás 18h no Consello da Cultura Galega, cunha escoita comentada por Xosé Ramón Pousa e Cristina Pujales arredor da colección de lousas do Arquivo Sonoro de Galicia do CCG. Estas lousas representan os comezos da industria cultural na sociedade de masas e permitiron a conservación ata os nosos días tanto das gravacións históricas galegas como das producións sonoras impulsadas pola emigración en América. As setecentas gravacións en pedra que o Arquivo Sonoro de Galicia ten reunidas ata o momento, reflicten o noso patrimonio sonoro desde 1900 ata finais da década dos 50.

O xoves 25 de marzo a programación comezará ás 18h no Museo do Pobo Galego cun encontro arredor do tema ‘A Creación contemporánea a partir dos arquivos tradicionais’, que estará moderado polo músico Xacobe Martínez Antelo e contará coa intervención de Faia Díaz, Xosé Miguélez, Mercedes Peón e Tanxugueiras. O espectáculo de danza e música "Sa Mateixa" de Joana Gomila, Lali Ayguadé, Magí Serra, Laia Vallès e Santi Careta, previsto para este día no Teatro Principal, tivo que ser suspendido ao dar positivo por coronavirus unha das integrantes.

O venres 26 de marzo desenvolverase o encontro ‘Análise do mercado profesional para os proxectos de creación a partir das músicas tradicionais’. Será ás 18h no Museo do Pobo Galego coa participación de Jordi Fosas, da Fira Mediterrània de Manresa; Ramom Almuinha, de aCentral Folque; Julio Gómez, de Sinsalaudio; e Xavier Campos, responsable de Cultura da Deputación da Coruña. E ás 20h no Teatro Principal, FAIA presentará o seu novo espectáculo, no que a escena servirá de casa, de refuxio onde reflexionar sobre o poder da transmisión no ámbito do doméstico, na herdanza. Como unha constante no seu traballo, a muller volverá ser a protagonista, portadora dunha identidade rica, xenuína e diversa.

As xornadas rematarán o sábado 27 de marzo cun obradoiro sobre a ‘Recolla de Patrimonio Musical’ que impartirá Xulia Feixóo ás 11:30h no Museo do Pobo Galego e no que tamén se poderá participar online. Neste obradoiro de 3 horas, para o que non son precisos coñecementos específicos previos, Xulia fará unha introdución sobre a metodoloxía do traballo de campo, a documentación, as entrevistas, a gravación, a organización da información e a divulgación do traballo. Xulia Feixóo foi a primeira etnomusicóloga titulada de Galicia. Como investigadora, céntrase no estudo e divulgación das músicas de tradición oral. Dende setembro do 2019 forma parte da equipa de asesoras do Arquivo Sonoro de Galicia, do Consello da Cultura Galega. E pola tarde, ás 17h, o artista sonoro e visual catalán, Carlos Martorell, será o encargado de pechar a programación cunha charla sobre ‘Intelixencia Artifical e Música Tradicional’ que se poderá seguir online. Martorell vén de presentar Acte de Fe xunto a Adrià Grandia e Marc Vilajuana, un proxecto fascinante no que analiza a relación humano-tecnoloxía a través dunha intelixencia artificial e os seus paralelismos coa relixión. Na charla falará dunha das ferramentas dixitais actuais máis potentes para a xeración automática e estudo musical, e farao a partir dese proceso de experimentación de Acte de Fe, que o levou a recompilar 4.000 partituras tradicionais de cancioneiros do s. XIX e XX para xerar un modelo preditivo que acompañara aos músicos do proxecto en tempo real.

Paseo Sonoro
A partir do mércores e ata o 4 de abril será posible realizar un paseo sonoro, que vai guiar as persoas participantes por diferentes puntos da cidade nos que se poderán atopar tesouros sonoros, tal e como explicou o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte. Cada punto agochará un código QR para escanear e escoitar cos auriculares un anaco dunha recolla de música tradicional. Acompañando a cada QR, atoparemos a información do audio: a quen lle foi gravado, onde e cando foi gravado e por quen foi gravado. Tamén por quen foi feita a selección da peza, xa que para escoller eses cortes contouse coa colaboración de destacados profesionais como Ugia Pedreira, Luis Prego, Xurxo Fernandes, Xulia Feixóo, Rodrigo Cuevas, Tanxugueiras, Antía Ameixeiras, Caldo, Faia Díaz, Xosé Miguélez, Ramón Pinheiro, Xisco Feijóo, Guillerme Ignacio e Raül Refree, que acaba de realizar unha residencia artística en Galicia para coñecer os nosos arquivos, empaparse das sonoridades da nosa música tradicional e manter encontros con artistas que traballan neste ámbito.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: