ALCALDÍA

O alcalde anuncia que o 30 de xaneiro se presentará o proxecto de orzamentos de 2021, que supera os 120 millóns de euros

22/01/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou hoxe que está previsto que o venres, 30 de xaneiro, se faga pública a proposta de orzamentos do concello para o ano 2021. Adiantou que o proxecto de orzamentos supera os 120 millóns de euros; e que unha vez incorporados os remanentes e o superavit do ano 2020 acadaría, aproximadamente, os 130 millóns de euros.

O rexedor sinala que "desde o punto de vista numérico" sería o maior orzamento que tivo o Concello de Santiago; e espera que con este presuposto se poida "responder ás necesidades da cidade, da pandemia e do Xacobeo, dentro do límite das nosas posiblidades". Este borrador de orzamentos presentarase, segundo explicou Sánchez Bugallo, tanto á prensa como aos grupos da oposición, que confía, "teñan unha atitude positiva e propositiva".

Contaxios COVID 19
O alcalde tamén se amosou preocupado ante o incremento de contaxios por COVID19. Estamos, subliñou, nunha situación de "risco extremo. Os datos que temos son os peores de toda a pandemia", con 653 casos activos a día de hoxe, unha cifra, engadiu, "claramente alarmante".

"Os datos que tiñamos onte eran de 619" persoas contaxiadas, "iso quere dicir", continuou o alcalde, que "incrementamos 34 casos desde onte, cun crecemento dun 5% dun só día". Unha porcentaxe que, engade, non reflicte un avance, xa que "hoxe vemos que temos un novo pico cara atrás". Unha situación que cualifica de "moi complexa e moi perigosa".

Sánchez Bugallo recordou que "na segunda onda, o máximo de casos activos foron 471, polo tanto estamos un 40% por enriba dos datos que tivemos o 27 de outubro"; cun índice de incidencia acumulada a 14 días, neste momento, que "supera os 600 casos", situándose "por enriba de todos os parámetros que acenden as luces de alarma, que son de 150 e 250". O rexedor volveu apelar "a un reforzo das medidas de seguridade, individuais e colectivas", para intentar reverter a curva de contaxios.

Reiterou, de novo que "estaremos atentos ás decisións que adopte a administración competente na materia, que é a Xunta de Galicia; e o que determine o Comité Clínico. Pero todos nós debemos ser conscientes que temos que extremar as medidas de seguridade e prestar a máxima colaboración que se nos pida por parte das autoridades, para intentar frear a evolución desta pandemia", engadiu.

Axudas
Sobre as subvencións destinadas aos sectores afectados polas medidas anticovid, o alcalde explicou que "está completado o proceso das axudas convocadas o mes de maio"; e neste momento, "os servizos municipais estanse esforzando todo o que poden para facer posible que cara finais deste mes ou principios do mes que ven, se poidan estar pagando as convocatorias" de axudas directas do pasado decembro. "Estamos, neste momento, completando a introdución de todos os expedientes nas bases de datos e nos soportes informáticos a efectos de que a fiscalización poida autorizar o pagamento para facelo efectivo con carácter inmediato", engadiu.

O alcalde recordou que na Xunta de Goberno extraordinaria celebrada onte se aprobou a petición das axudas, xa anunciadas, da Deputación da Coruña, por un millón de euros, "contando con que poidan ser aprobadas no próximo pleno" do organismo provincial, "e poidamos sacar unha nova convocatoria para o mes de abril, se e posible, ou maio a máis tardar".

Unha convocatoria que o rexedor estima "por enriba dos dous millóns de euros", a falta de concretar as cantidades exactas, xa que hai partidas, aclara, das que non vai sair convocatoria, porque se van asignar directamente, "aos orzamentos do Concello, como os bonos de aparcamento" destinados ao sector comercial, que xestionan as asociacións e comerciantes.

Compartir: