EDUCACIÓN

Un traballo do CEE López Navalón gaña a XII edición dos Premios Educacompostela

22/12/2020 O Salón Nobre do Pazo de Raxoi acolleu esta mañá a entrega de galardóns do XII Premio Educacompostela, convocado polo Concello de Santiago en colaboración co Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega para recoñecer, promover, premiar e difundir publicamente aqueles materiais educativos que polo seu valor e interese poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica.

O acto estivo presidido polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e contou coas interpretacións musicais a cargo da cantautora Najla Shami. A esta edición presentáronse 17 traballos, entre os cales o xurado escolleu os tres mellores, que obtiveron un premio de 1200 euros, o primeiro; 900, o segundo; e 600, o terceiro.

Premiados
O primeiro premio recaeu no traballo titulado "A Cianotipia. Recurso didáctico", presentado polos Equipos da Biblioteca e Normalización Lingüística do CEE López Navalón de Santiago de Compostela.

O xurado valora neste traballo o carácter interdisciplinar e global que vincula historia, ciencias, literatura e arte baixo o emprego de cianotipias e recursos steam. A temática que se traballa encadra unha serie de contidos procedimentais e actitudinais que reforzan a necesidade de materiais con esta capacidade integradora. A ollada cara o espacio cotiá do alumnado, a fotografía, a arte, a creatividade, a experiencia individual e colectiva e a sensibilidade dos recursos fixéronlle acadar a este traballo o primeiro premio desta edición.

O segundo premio foi para o traballo titulado "Proxecto Xeoclip. Aprendemos nos glaciares", dos seguintes autores: Jacobo Raúl de Toro Cacharrón, Rocío Romar Noel, Mª Fernanda Moltó Roibal e Alberto Fortes Novoa.

Nesta proposta o xurado resaltou como especialmente salientable a adecuación deste material didáctico á realidade sociocultural e educativa de Galicia, dado que se centra na xeografía da Serra do Courel e desenvolve aspectos do currículum propio de 3º e 4 º de ESO, podendo ser extrapolable a outros niveis educativos pola súa versatilidade. Facilita a construción do coñecemento, cun modo innovador e atractivo de achegarse á xeoloxía por medio das novas tecnoloxías (imaxes multimedia 360º, tecnoloxía dron e croma, arquivos multimedia descargables, diversos recursos propios da gamificación e o fomento do uso das RR.SS), capaz de dar resposta ás esixencias do modelo TPACK e do ensino mixto (blended learning). Por último, a proposta outorga especial valor á accesibilidade a dito material empregando recursos tan diversos como os intérpretes de signos, os subtítulos en galego e castelán, a posible visualización dende diferentes dispositivos electrónicos coma o móbil -a través dos códigos QR- ou o uso de lentes de realidade virtual.

En terceiro lugar quedou o proxecto "Filothinking: O Diario filosófico e o Art-thinking xuntos como ferramenta para o pensamento lento e creativo", presentado por Alicia Eva Garea Traba.

É unha proposta educativa creativa, consistente e detallada para a ensinanza da Filosofía a través de estratexias de pensamento visual (Visual Thinking) e experiencias artísticas (Art Thinking), orientada a favorecer a reflexión crítica e pausada sobre a vida e os seus dilemas. Concrétase na creación dun caderno de filosofía (diario filosófico) por parte do alumnado (tarefas de introspección, conceptualización, problematización, análise contextual...), así como na montaxe colectiva dunha exposición (física e virtual) final de curso coas producións do conxunto. O profesorado achega a unidade didáctica, un diario (fases e seguimento da proposta ao longo do curso) e un caderno en Visual Thinking coas reflexións (pedagóxicas, didácticas e filosóficas) a que deu lugar a iniciativa.

Xurado
O xurado desta edición estivo composto polo concelleiro de Educación, Rubén Prol, que o presidiu; pola directora do Departamento de Educación, Beatriz Varela Morales; Mª Carmen Morán de Castro, en representación de Nova Escola Galega; Rocío García Pazos, en representación de Nova Escola Galega; Tanía Caamaño Liñares, en representación do Departamento de Pedagoxia e Didáctica da USC; Saleta González Carnero, en representación do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI); Henrique Alvarellos Casas, en representación da Asociación Galega de Editoras; e Mª Dolores Casás Cheda, técnica de Educación, secretaria dos Premios.

Compartir: