EMPREGO

Ábrese á cidadanía a Senda Mitolóxica do Monte Viso, que mostra, a tamaño real, dez seres míticos galegos

19/12/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asistiu hoxe á apertura oficial da Senda Mitolóxica do Monte Viso, que reúne unha mostra de dez seres míticos e lexendarios de Galicia, deseñados e reproducidos a tamaño real polo creador artístico José Manuel Méndez, e que ten como obxectivo por en valor este espazo singular do concello compostelá.

O rexedor estivo acompañado, dos concelleiros de Medio Ambiente, Mila Castro; de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muiños; dos portavoces do Grupo Socialista, Sindo Guinarte; de Compostela Aberta, Marta Lois; e da voceira do BNG, Goretti Sanmartín, asi como do técnico responsable de Emprego, Xabier Ferreiro, e José Manuel Méndez, entre outros. Percorreron tres dos seis quilómetros que está previsto acondicionar. Ao acto, tamén foron convidados representantes das asociacións veciñais de Aríns, Sar Fontiñas e O Viso.

Esta mostra pretende revalorizar e pór a disposición das familias de Santiago un espazo cunhas vistas impresionantes, como é o Monte Viso. No seu cumio ofrece unha panorámica única, de 360 graos, de Compostela. Xa o indica o seu nome, "viso", proveñente do latín que quere dicir ver ou divisar. No tempo dos suevos, no século V, neste lugar xa había cultivos, por medio de terrazas ou roleiros, dos que se atoparon restos recentemente. Cando empezaron as peregrinacións (século X), unha variante do Camiño Francés entraba por estas ladeiras.

O Viso é unha enorme rocha de anfibolita. A comezos do século XX houbo un intento de explotación mineira que non chegou prosperar. As novas sendas abertas este mesmo ano permiten percorrer unha parte da nosa historia e da nosa natureza únicas.

PERSONAXES

Os dez personaxes mitolóxicos que podemos atopar no monte Viso son: -Os mouros. Aparece nas lendas con aparencia humana ou como xigantes que viven baixo terra onde ocultan fabulosos tesouros.

-As mouras. Son mulleres moi fermosas e dotadas dunha forza sobrenatural, que adoitan aparecer ao amencer en fontes ou ríos.

-O Nubeiro. Xigante morador dos aires que cabalga as nubes dirixindo tormentas e lóstregos. Calzados cos típicos zocos producen os tronos.

-O Tardo. Trasgo pequeno de cor verdella e ollos grandes e redondos, máis malvado que outros trasgos e que goza provocando nas persoas durmidas dor e pesadelos.

-A Lamia. Monstro fabuloso metade muller e metade serpe que vive en covas nas proximidades de regueiros e fontes. Son moi perigosas para os homes.

-O Gatipedro. Especie de gato máxico que ten un corno na fronte e camiña apoiándose nas catro patas e a lingua. É un pouco malvado pois fai mexar á cativada na cama.

-Breogán. Mítico rei galego que na cidade de Brigantia levantou unha gran torre desde a que se podía ver Irlanda, e que dará orixe á liñaxe celta desta illa, os milesios.

-A Coca. Animal monstruoso con corpo de dragón, ás semellantes a un morcego e grandes dentes que xorde do mar para raptar ás mozas máis fermosas de Redondela.

-A meiga. É unha muller con coñecementos de maxia e artes ocultas. É fácil confundila coa bruxa pero esta sempre actúa con maldade e participa en aquelarres.

-Os biosbardos. Son difíciles de describir porque a ciencia certa ninguén sabe como son. De hábitos nocturnos, adoitan vivir en montes e lugares afastados.

JOSE MANUEL MÉNDEZ RODRÍGUEZ

José Manuel Méndez Rodríguez é o creador das 10 figuras míticas que compoñen a Senda Mitolóxica no Monte Viso, tanto do deseño como do desenvolvemento, a tamaño real, dos traballos realizados na súa empresa, Scenoset.

Méndez naceu en Santiago de Compostela, o 5 de setembro de 1956. Inicia a súa carreira profesional en 1972, obtendo o primeiro premio de pintura no XVI Certame nacional xuvenil de arte celebrado na Coruña. Ao longo da súa carreira realiza creacións de pintura, escultura, fotografía ou teatro.

Para o concello de Santiago ten realizado diferentes traballos, como a restauración dos tradicionais cabezudos, a creación da figura do Meco para o Antroido ou o deseño da fachada neogótica para os fogos do Apóstolo. E agora, as figuras que as familias e a cidadanía de Compostela poden descubrir no Monte Viso.

Compartir: