ALCALDÍA

O Concello aproba a convocatoria de axudas ao comercio, á hostalería e ao sector cultural

07/12/2020 En Xunta de Goberno local extraordinaria, o Concello de Santiago vén de aprobar as bases que rexen as convocatorias das axudas aos sectores máis afectados polas medidas postas en marcha para conter a pandemia (o comercio, a hostalería e o sector da cultura), dentro do segundo plan de reactivación económica Compostela 2020.

Esta primeira convocatoria empregarase para financiar o gasto corrente dos negocios e conta cun investimento inicial de 2.500.000 desglosados do seguinte xeito:

- 1.600.000 euros para os negocios do sector hostaleiro
- 600.000 euros para o comercio
- 300.000 euros para o sector cultural

Cal é o prazo para presentar as solicitudes?
A publicación no boletín oficial da provincia da Coruña (BOP) marca o inicio do prazo e este ábrese o día seguinte á publicación no BOP. Estas convocatorias publicaranse o xoves, polo que a solicitude pode facerse desde as 00.00 horas do venres (noite do xoves ao venres).

As solicitudes que se presenten antes de comezar ese prazo teranse por non presentadas.

O último día de presentación é o 15 de decembro.

Forma de presentación das solicitudes
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, é dicir, deberán presentarse a través dun rexistro electrónico habilitado, sexa o do propio Concello de Santiago (sede.santiagodecompostela.gal) ou outros como o da Xunta de Galicia (sede.xunta.gal) ou do Estado (https://rec.redsara.es/registro/action/are/acceso.do).

As persoas físicas poderán solicitar axuda na Oficina de asistencia en materia de rexistro para o uso dos medios electrónicos. Para elo deberán pedir cita previa no teléfono 881 505 107. Recoméndase facelo con antelación suficiente.

FORMULARIO CS006A
Á marxe do rexistro electrónico que escolla para a presentación da solicitude, deberá acompañar sempre o modelo formulario de solicitude que se achega con todos os campos obrigatorios cubertos (pode descargarse ao pé da noticia - CS006A).

Se presenta a solicitude a través da sede electrónica do Concello de Santiago (sede.santiagodecompostela.gal) escolla a opción "Solicitude de subvención co código CS006A", que está dispoñible dentro do catálogo de trámites.

As axudas concederanse segundo orde de entrada por rexistro e irán dende os 1.000 euros ata os 3.000. No caso da hostalería, o tope de 3.000 será só para os negocios de ocio nocturno e para o resto, 2.500.

Segundo plan de axudas
Esta primeira convocatoria encádrase no plan de axudas aos sectores máis afectados polas medidas restritivas para a contención da pandemia, e executarase con cargo ao remanente de tesourería. Serán en total 3,5 millóns de euros para o comercio, a hostelería e o sector cultural, que se completarán cun millón máis a achegar pola Deputación da Coruña.

Soporte técnico
En caso de ter algún problema técnico coa sede electrónica, pode empregar as seguintes vías (horario: 9.00h a 21.00h):

Teléfono: 981.542.305
Correo: soporte.sede@santiagodecompostela.gal

Compartir: