XUNTA DE GOBERNO

Ampliase ata o 30 de novembro o prazo de xustificación das convocatorias de axudas destinadas á restauración, e a autónomos e micropemes

27/10/2020 A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria e urxente, acordou ampliar o prazo de xustificación, ata o 30 de novembro, de dúas convocatorias: a de "Axudas para a mellora e innovación da restauración e hospedaxe compostelá. Plan de reactivación do sector turístico COVID19", e a de "Axudas a empresas para a reactivación económica Cómpostela Móvese 2020-COVID19 para autónomos e micropemes de menos de 11 traballadores de Santiago de Compostela". Unha vez aprobada esta ampliación, vaise ordenar a publicación no BOP da nova data, tal e como establecen as bases e a normativa xeral de subvencións.

Ademais, deuse conta da operación orzamentaria de modificación de crédito "Expediente de modificación de crédito mediante complemento de crédito con número 2020-SUPLE-04 por importe de 100.000 euros", destinado á "Convocatoria de axudas para a mellora e innovacion da restauración e hospedaxe compostelá. Plan de reactivación do sector turístico COVID19" que entrou en vigor con data 2 de outubro. Esta dotación adicional permitirá incrementar en 50.000 euros a contía destinada a información, asesoramento, titorizacion de proxectos empresariais, etc., a través da subvención nominativa concedida á entidade "Camara de Comercio de Santiago de Compostela"; que pasa dun crédito inicial de 50.000 a 100.000 euros.

Tamén aumenta en 50.000 euros a contía destinada á "Convocatoria para a mellora e innovación da restauración e hospedaxe compostelá Plan de Reactivación do sector turístico COVID19"; que pasa de 100.000 a 150.000 euros repartidos da seguinte maneira.

o Liña A (investimentos), increméntase en 25.000 euros. O seu orzamento é agora de 75.000 euros.

o Liña B (comunicación), increméntase en 7.500 euros. O seu orzamento é agora de 22.500 euros.

o Liña C (gastos correntes de outro tipo), increméntase en 17.500 euros. O seu orzamento é agora de 52.500 euros.

Por último, a Xunta de Goberno Local acordou cambiar o obxecto da subvención nominativa recollida a favor da entidade "Federación Gallega de Kárate y disciplinas asociadas", por un importe máximo concedido de 3.500 euros, co obxecto inicial de colaborar nos gastos da organización do Campionato galego sénior de kárate.

Documentos relacionados



Compartir: