URBANISMO

As investigacións arqueolóxicas no Castelo da Rocha sacan á luz dous novos tramos de muralla e dous fosos

27/10/2020 As recentes investigacións arqueolóxicas realizadas no exterior do castelo da Rocha Forte permitiron sacar á luz parte dun complexo sistema defensivo que protexería o acceso principal da fortaleza. Localizáronse dous tramos de muralla, un deles cunha torre circular encostada; e dous fosos.

Os traballos, promovidos polo Concello de Santiago a través da Oficina de Rehabilitación da Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural, forman parte do programa EDUSI (Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado), cofinanciado nun 80% con fondos europeos FEDER (Fodos Europeos de Desenvolvemento Rexional).

Despois de máis dunha década de investigación quedaron ao descuberto a maioría dos seus vestixios. Hoxe en día pódese observar gran parte do sector principal, que presenta planta cuadrangular, aínda que un extremo foi alterado pola vía do tren, con dúas murallas defensivas concéntricas e unha torre da homenaxe situada na súa posición central.

A procura dunha terceira muralla, que xa aparece citada en antigos documentos, empezou a finais de 2019 mediante unha prospección xeofísica co sistema de tomografía de resistividad eléctrica. Estes traballos, realizados polo xeólogo Óscar Pazos e a arqueóloga Mª José Bóveda, deron como resultado distintas anomalías que foron interpretados como parte do sistema defensivo exterior ao castelo. Con esta información procedeuse á realización da actual campaña de sondaxes valorativos que dirixiu o arqueólogo Mario César da empresa "Tempos arqueólogos". Os resultados desta intervención, aínda en fase preliminar, están a confirmar a existencia dunha muralla con torre circular encostada e fosos a ambos lados, así como outras estruturas (muros, canles, etc.).

O castelo, levantado cara mediados do século XIII, era unha das residencias do arcebispo de Santiago ademais de posto de control militar e fiscal polo sur da cidade. Ao longo de algo máis de 200 anos, no contexto das loitas entre a burguesía e a nobreza laica contra o poderío arzobispal, a fortificación sufriu varios asedios. Finalmente o castelo sería destruído no ano 1467, en tempos do arcebispo Alfonso II de Fonseca, a consecuencia da revolta irmandiña.

Compartir: