XUNTA DE GOBERNO

Aprobada a resolución definitiva das bolsas de comedor escolar, material e actividades extraescolares por un importe global de 600.000 euros

26/10/2020 Foi o asunto máis destacado da Xunta de Goberno local celebrada esta mañá, na que tamén se deu o visto bo á sinatura de varios convenios de colaboración con entidades do ámbito social e cultural para o financiamento de actividades durante este ano.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, deu conta en rolda de prensa dos principais asuntos tratados na Xunta de goberno local, entre os que destaca a aprobación da resolución definitiva da convocatoria para a concesión de bolsas de comedor, adquisición de material escolar e actividades extraescolares para o alumnado dos centros docentes públicos e concertados sostidos con fondos públicos de educación infantil (2º ciclo) e de educación primaria obrigatoria do concello de Santiago de Compostela para o curso 2020/2021.
Outorgáronse 940 axudas por un total de 600.900,40 euros.

En canto ás bolsas de comedor, concéderonse 563 axudas das 584 solicitadas, un 10,39% máis que o ano pasado, cando se beneficiaron 510 escolares. Para estas bolsas, que están dotadas cun máximo de 90 euros ao mes, non hai lista de agarda.

Das axudas para material escolar, cunha contía de 60 euros, beneficiaranse 277 nenos e nenas. Na modalidade de conciliación, concedéronse bolsas para 100 nenos e nenas, vinte máis que o ano pasado, cando se beneficiaron 80 escolares. Estas axudas teñen asignada unha contía de ata un máximo de 45 euros ao mes e hai lista de agarda de 14 persoas.

A preguntas dos xornalistas, o alcalde lembrou que os comedores escolares xestionados polo Concello están a funcionar con normalidade, co problema puntual dos espóradicos. "Estamos pendentes da consulta formulada á Xunta sobre os requisitos e as condicións que deben cumprir", puntualizou Sánchez Bugallo.

Evolución da covid na cidade e valoración das novas medidas
A respecto das novas medidas establecidas polo Goberno central para a contención dos contaxios, o rexedor cre que o toque de queda "vai axudar" e agarda que a administración autonómica defina canto antes a súa postura sobre as horas de vixencia do mesmo. Sánchez Bugallo reclamou de novo un plan de axudas "potentes" para o sector hosteleiro, un dos principais prexudicados: "estou convencido de que o verán que vén haberá unha recuperación notable e o 2022 será un ano excepcional, pero o problema vai ser chegar alí, por iso é necesario un plan de axudas" por parte dos gobernos central e autonómico. O alcalde lembrou que o Concello tamén está aprobando medidas para axudar a paliar o efecto negativo das restricións "dentro das nosas posibilidades".

Sánchez Bugallo reclamou novamente responsabilidade á cidadanía e incidiu en que "entramos nunha semana decisiva". Amosouse satisfeito pola evolución das cifras relativas a sancións por festas en pisos, que continúan coa tendencia descedente, aínda que non desapareceron por completo pois a Policía local propuxo para sanción a 9 persoas por este motivo dende o xoves ao sábado (4 na noite do xoves, 3 na do venres e 2 o sábado).

"Quero crer que este descenso se debe á concienciación, pero é indubidable que as medidas sancionadoras reforzan esa concienciación", indicou Bugallo, que lembrou que o Sergas está a facer un cribado no Ensanche entre a poboación de 19 a 39 anos. Estas probas súmanse ás que pasará o propio persoal municipal durante esta semana. Sánchez Bugallo anunciou tamén un reforzo da vixilancia do uso da máscara por parte dos peregrinos nas entradas dos camiños a Santiago.

Outros asuntos da Xunta de Goberno local
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se deu conta da sinatura de varios convenios de colaboración para a realización de actividades neste 2020 con varias entidades de carácter social (coa Plataforma polo Emprego, por valor de 12.000 euros; Médicos do Mundo, 10.000; e coa Coordinadora galega de ONGS, 15.000) e tamén con dúas entidades culturais: Padroado da Casa da Troia, cunha contía de 5000 euros; e ao Museo do Pobo Galego, por 30.000 euros.

Por útlimo, acordouse conceder 5 axudas para a mellora e innovación do comercio local do programa "Coidar para mellorar" que precisaban de máis documentación, (dous da liña A, e 3 da liña B) por importe de 4.255,27 euros; e denegáronse outras cinco solicitudes ao considerar que desisten do seu pedimento por non presentar a documentación acreditativa esixida.

Documentos relacionados



Compartir: