XUNTA DE GOBERNO

Adxudícanse as obras de remodelación da rúa Concheiros por importe de 2.170.000 euros

21/09/2020 A Xunta de Goberno local adxudicou, na sesión ordinaria celebrada esta mañá, a obra "actuacións no Camiño Francés en Santiago de Compostela: remodelación da rúa Concheiros", incluída na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado- EDUSI, á UTE XAC-OREGA (UTE CONCHEIROS) por un importe total de 2.170.872,18 euros (IVE engadido).

A obra conta cun prazo de execución de 9 meses, polo que o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, traballa coa previsión de "estea concluída antes do Apóstolo de 2021, entre xuño e xullo". O rexedor fixo fincapé en que se trata "dunha actuación complexa porque hai que facer a obra mantendo os servizos" á cidadanía.

Nesta mesma sesión aprobouse a adxudicación do contrato de dirección facultativa das devanditas obras á UTE CONCHEIROS (constituida por Estudio Técnico Gallego SA, Eduardo Cruz, INOUS Exeñería Global e Mónica María Balado) por un importe de 156.916,79 euros, o que supón unha achega municipal total de 2,3 millóns de euros para esta actuación, complementaria da que está levando a cabo a Xunta no cruce coa avenida de Lugo. "En total investiranse 5 millóns de euros nesa zona", salientou o alcalde, o que suporá "unha mellora notabilísima" no acceso á cidade do Camiño Francés.

Tamén no apartado de obras se adxudicou o proxecto de rehabilitación enerxética de inmobles de titularidade municipal, fundamentalmente centros socioculturais, a favor de IAM RUMBO INSTALACIONES Y OBRAS SL, por un importe total de 404.314,48 euros (IVE engadido).

O alcalde tamén deu conta do rexeitamento do recurso de reposición presentado contra a concesión da licenza aprobada na sesión de data 15/06/2020 para a restauración da canteira no monte de Santa Mariña. A este respecto Sánchez Bugallo indicou que "o Concello só autoriza a recuperación, pero non a súa ampliación, nin que siga sacando pedra ou traballando" e anunciou que xa se deu conta á Fiscalía por incumprimento das ordes municipais. "Esperamos que se logre pechar, porque ten un enorme impacto nunha zona protexida e de valor paisaxísito", engadiu.

Axudas "Coidar para mellorar"
A proposta da Alcaldía, aprobouse a resolución da convocatoria de axudas para a mellora e innovación do comercio local "Coidar para mellorar 2020". En total outorgáronse 136 axudas por un importe global de 225.762,71 euros. Queda pendente a concesión doutras 10, por valor de arredor de 6.000 euros, á espera de que os solicitantes acheguen a información requirida. De seren incluidas nas liñas de subvención que demandaron, o importe total das axudas ascendería a 231.694,61 euros.

Estas subvencións divídense en tres liñas: unha primeira, centrada en investimentos para a adecuación dos locais, na que se concederon 54 axudas por importe de 116.124,2 euros; a segunda liña é para gastos de comunicación realizada en lingua galega, que suma un total de 23.040 euros para 25 solicitudes; e unha terceira liña, de gastos na adecuación dos negocios e servizos profesionais relacionados coa innovación ou coa recuperación económica, por importe de 92.530,41 euros, que se repartirán entre 47 solicitudes.
Así mesmo, deuse luz verde á sinatura de tres convenios de colaboración: con Médicos del Mundo por importe de 10.000 euros; con Cruz Roja Española, por 75.000 euros; e coa Fundación USC deportiva para as actividades de ocio e tempo libre verán Campusc 2020, por valor de 9.000 euros.

Semanas decisivas na contención da COVID
Ademais de dar conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno local, o alcalde de Santiago referiuse á semana que entra, na que comeza o curso universitario (hoxe, luns 21), así como a FP e secundaria (o mércores 23). "Emprendemos unha semana que é un gran reto, a proba de carga", indicou o rexedor, "na que nos imos xogar se podemos reducir as medidas de restricción, se as temos que manter ou ampliar. Todo vai depender do que pase nestes vindeiros 15 días". Por iso, "fago un chamado á corresponsabilidade de todos", en especial dos estudantes, para "que pensen nas consecuencias que unha actuación irresponsable pode ter nas súas familias".

A este repecto, o rexedor indicou que se está a reforzar a vixilancia da Policía local para atallar tanto as reunións nas rúas como as festas nas vivendas particulares. "Esta fin de semana denunciáronse 20 festas en pisos, 10 o venres e 10 sábado", indicou o rexedor que detecta "un incremento notable" destas celebracións. "Dentro das nosas capacidades, estaremos atentos para tramitar todas as denuncias" advertiu Sánchez Bugallo, que pediu a colaboración e a implicación de todos.

Documentos relacionados



Compartir: