ACCIÓN CULTURAL

Música e danza inician esta semana as Xornadas de Música Contemporánea

07/09/2020 As Xornadas de Música Contemporánea, impulsadas polo Concello, a USC e o Centro Galego de Arte Contemporánea, volven do 9 ao 23 de setembro cunha proposta de media ducia de concertos e espectáculos que traen a Compostela as propostas máis innovadoras do panorama musical contemporáneo.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou esta mañá o programa das Xornadas, acompañada do Deputado provincial de Cultura, Xurxo Couto, o director do CGAC, Santiago Olmo, e a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, María del Mar Lorenzo Moledo. Tal como sinalou Rosón, trátase dun programa que se viu alterado no seu formato pola crise sanitaria actual, pero que mantén a calidade das propostas. Así, este ano os eventos das Xornadas realizaranse unicamente no Auditorio de Galicia e o Teatro Principal, e serán un total de cinco concertos, un espectáculo de danza e unha exposición centrada en novas formas de notación musical, con pezas máis próximas ás artes visuais que ao concepto tradicional de partitura.

Así, nesta aposta pola cultura e produción de proximidade, as formacións musicais galegas cobran unha especial relevancia no programa. Será o TAC (Taller Atlántico Contemporáneo) quen inaugure as Xornadas este mércores, nun concerto que se inscribe na celebración do seu décimo aniversario. O xoves, será a quenda de Suonosuono, unha formación de saxo e violoncello que presenta en ‘Shaping Sounds’ unha proposta que ten o movemento como un elemento central. O movemento é tamén o eixe da proposta de Kukai Dantza en ‘Erritu’, o resultado do seu encontro co coreógrafo Sharon Fridman e que nesta ocasión contará coa participación do Coro da Rá.

A semana próxima será o turno de Vertixe Sonora que, cun programa que vai desde Juan Hidalgo a Roberto Morán, oasando por Catherine Kontz e outros salientables compositores contemporáneos, darán un concerto previo á inauguración da mostra ‘Mirar o son’, comisariada por Ignacio Barcia e Iñaki Martínez Antelo. A exhibición reúne partituras non convencionais que, desde mediados do século XX, amosan novas maneiras de achegarse á notación musical nas que a parte visual colle protagonismo.

O xoves 17 a Banda Municipal de Música ofrece na praza de Praterías un percorrido pola tradición musical americana e europea de música de danza, no seu eixo común de transvase cultural e contemporaneidade. E será a Real Filharmonía de Galicia quen pecha as Xornadas o día 23 de setembro baixo a batuta de Maximino Zumalave cun programa que combina compositores galegos con obras da compositora polaca Grayna Bacewicz.

As entradas para os concertos estarán dispoñibles a partir de hoxe na web www.compostelacultura.gal
e máis no despacho de billetes do Teatro Principal (en horario de martes a sábado, máis os días de evento, de 18.00 a 21.00h.).

Medidas de seguridade sanitaria reforzadas
Nos últimos días actualizouse o protocolo de acceso a espectáculos para o Concello de Santiago. Así, seguindo a directrices da Consellería de Sanidade para Compostela, limitouse o aforo de teatros e auditorios a sesenta persoas.

Para acceder aos espectáculos, é obrigatorio o uso de máscara e a desinfección das mans, e seguir en todo momento as indicacións do persoal de sala. É posible ler o protocolo de acceso de espectáculos aquí: https://www.compostelacultura.gal/espectaculos/evento/protocolo-de-acceso-espect%C3%A1culos

Compartir: