CENTROS SOCIOCULTURAIS

Propostas seguras e para todas as idades nunha nova edición de "Vive o verán"

22/06/2020 Chega o verán e con el un dos programas máis consolidados na programación municipal como é Vive o verán. Son máis de 4.500 prazas para 325 actividades que se desenvolverán nos centros socioculturais da cidade ao longo do mes de xullo, que se únen ás xa presentadas para os centros do rural.

O concelleiro de Centros Socioculturais, Javier Fernández; o responsable do Departamento, Enrique Vázquez; e a técnica municipal Lourdes de la Cruz presentaron o programa que se desenvolverá durante o mes de xullo. "Vive o verán tivo que adaptarse este ano á nova normalidade, e deseñamos o programa cun dobre obxectivo: ofrecer todas as garantías de seguridade sanitaria aos/ás participantes e ofertar unha programación atractiva, pensada para a cidadanía de Santiago, con actividades para todos os gustos e para todas as idades", indicou o edil. Así, priorízanse as actividades en espazos exteriores e próximos aos propios centros socioculturais, e aplicarase un protocolo de prevención do COVID-19, que calquera pode consultar na web ou nos centros socioculturais.

Vive o verán conta con propostas en diferentes horarios e para diversos tramos de idade: de 4 a 6 anos, de 7 a 9 anos, de 10 a 12 e para máis de 14 anos. As actividades realizaranse en sete centros socioculturais: Fontiñas. A Trisca, O Romaño, Ensanche, Conxo, Castiñeiriño e Santa Marta.

As actividades son todas de balde e o prazo de inscrición empeza hoxe mesmo e para iso haberá que chamar ao centro sociocultural que corresponda segundo a actividade e tamén cubrir o formulario online que estará dispoñible dende esta tarde na web municipal. As prazas cubriranse por orde de chamada.

A programación
Baixo o título "Cativada á vista", cada un dos sete centros urbanos terá unha programación cunha temática diferenciada, en horario matinal e con grupos e horarios específicos. Esta oferta de lecer, desenvolvida prioritariamente nos entornos naturais próximos a cada CSC, completarase nalgúns casos con actividades nas aulas informáticas: ferramentas dixitais, xogos online, redes sociais, aplicación para o móbil, robótica, etc. Neste caso os grupos serán dun máximo de 5 nenos/as.

Máis alá desta programación nos centros, a Concellaría preparou outra serie de propostas atractivas, como Pedalea Compostela, unha actividade para fomentar o uso da bicicleta que terá quendas infantís (martes) e para adultos (venres). A inscrición neste caso realizarase no teléfono do CSC das Fontiñas: 981 528 750.

Outra das propostas é a das visitas didácticas ao Museo do Pobo Galego, onde os nenos e nenas participarán en actividades en torno á figura de Domingo Antonio de Andrade, a quen se lle dedicou o Día das Artes Galegas 2020. Unha desas actividades será un espectáculo de narración oral "Barrococó" (9 de xullo) e outra os obradoiros "Lupo" (7 e 8 e xullo). As inscricións, no 981 528 750 (CSC das Fontiñas).

Para os/as amantes das camiñadas, a Concellaría preparou os "Paseos de barrio", con rutas polos lavadoiros, Sabugueira, A Sionlla-Verdía ou o Monte Pedroso. As inscricións realizaranse a través do teléfono do CSC de Santa Marta (981 543 017).

A programación de Vive o verán complétase cunha xornada de observación das estrelas en colaboración o Club Vega (máis información chamando ao CSC do Castiñeiriño, 981 542 459) e coas actividades para adultos das aulas informáticas dos centros socioculturais do Ensanche, As Fontiñas, Santa Marta e O Romaño.

Direccións relacionadas



Compartir: