POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

O Apego retoma este xoves as actividades presenciais con novas propostas para os/as máis pequenos/as

02/06/2020 As tardes do Espazo Apego acollen durante este mes de xuño nunha contorna segura actividades relacionadas coa crianza en galego: charlas, obradoiros, contos, música, xogos… Para poder cumprir as normas de distanciamento, todas as actividades terán un límite reducido de asistentes e precisarán inscrición previa en dlg@santiagodecompostela.gal.

As familias interesadas deben achegar nome completo, idade de cada unha das persoas asistentes e teléfono de contacto. O prazo de inscrición en cada actividade abrirá unha semana antes (ás 00:00 h do día correspondente da semana anterior). Para poder seguir as normas de hixienización, o acceso ao espazo comezará arredor de vinte minutos antes de cada actividade. Na sala de actividades entrarase sen calzado (aconséllase acudir con calcetíns grosos). Será obrigatorio o uso de máscara.

Unha das actividades do Apego neste mes de xuño é a titulada "Descubro a lingua creando" e desenvolverase os luns (a partir do 8) de 17:00 a 19:00 horas. Son xogos guiados sobre lingua e cultura galegas para crianzas provenientes doutras comunidades lingüísticas, para contribuír á súa integración. E mentres, construirán trebellos diversos con materiais naturais e de refugallo. Para nenos/as de máis de 3 anos a cargo de persoas asistentes ao Obradoiro de Acollemento Lingüístico simultáneo.

Para os martes (a partir do 9), de 17:00 a 18:30 horas quedan as "Tardes de contos". Contos lidos, contos musicais, avoas que contan, visitas de autores, construción de poemas, dramatizacións… un tempo no que achegarse á literatura oral e escrita! Para crianzas de 0 a 3 anos.

"Enredando" é a proposta dos mércores (a partir do 10), de 16:30 a 19:45 h, para cubrir a conciliación dos e das participantes na charla paralela. Tamén será os xoves que non haxa función (a partir do 18) de 17:00 a 19:45 horas. Este e un espazo de entretemento activo no que se promove a socialización e a expresión verbal, xestual, corporal… manexando ditos, cancións, xogos, xoguetes... Para crianzas de 2 a 6 anos.

"A familia vai á escoliña" e outra das alternativas dos mércores, con charlas e obradoiros prácticos sobre diferentes aspectos da crianza: seguridade viaria, coleo, aleitamento, nutrición, oferta das escolas infantís municipais, crianza plurilingüe, as vantaxes de medrar en galego, recursos educativos, educación emocional, como contar contos, a música na crianza, ergonomía e movemento... As sesións están dirixidas a familias que agardan un bebé e con crianzas de entre 0 e 5 anos.

Para o mércores 10 (17:00 h) está prevista unha charla de Gaia Ecocrianza sobre seguridade viaria, mentres que o mércores 17 (quendas ás 16:45 e 18:40 h) se realizará un obradoiro sobre o coleo.

O xoves, día de función
Os xoves son os días destinados ás funcións, con representacións teatrais, musicais, contacontos, sensoriais… guiadas por artistas especializados. Este mesmo xoves 4 de xuño, ás 18:00 h, Susana Penabad respresenta Carabuñas, un conto tradicional que nos achega a historia de Carabuñas. Ao remate elaborarase unha manualidade moi monstruosa e divertida. É importante levar un calcetín vello. De 3 a 6 anos.

O xoves 11, tamén ás 18:00 h, Saaabor!, con Félix Rodríguez e Fran Rei. Este espectáculo cómico mestura música, maxia, humor e moito ritmo co mundo da gastronomía de fondo. De 3 a 6 anos.

A última función, o xoves 25, con quendas ás 16:45 e ás 18:40 h, traeranos de novo a Fran Rei, pero desta vez co Conto de Barriga Verde. É un achegamento á poesía, prosa e teatro de Manuel María a través da adaptación dos seus textos. De 3 a 6 anos.

Finalmente, os venres (a partir do 5), de 17:00 a 18:30 h, están reservados para os xogos de palabras, para así coñecer a contorna a través das palabras e aprender a relacionarse. De 3 a 6 anos.

Compartir: