IGUALDADE

Aberta a convocatoria da edición 2020 do Premio de Ensaio e Creación Audiovisual Xohana Torres

26/05/2020 Xa está aberta a convocatoria da edición 2020 do Premio de Ensaio e Creación Audiovisual Xohana Torres, organizado pola Concellaría de Políticas de Igualdade do Concello de Santiago de Compostela. Os traballos gañadores en cada unha das dúas modalidades en que se divide o premio percibirán 2.500 euros. O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de decembro.

O obxectivo deste certame é recoñecer, valorar e impulsar todo tipo de traballos científicos, literarios e audiovisuais que recuperen a historia social e política das mulleres galegas. Os gañadores da edición de 2019 foron Santiago Teijelo, coa creación audiovisual Filucha de Taramancos; e Ana Garrido González, polo ensaio Xohana Torres: da viúva de vivo á muller navegante.
Ana Garrido González é doutora en Humanidades con especialidade en Literatura pola Universidade de Varsovia e licenciada en Filoloxía Galega pola USC. Non puido estar na entrega pública do día 9 de marzo, polo que se concretou unha nova data con ela a mediados dese mes. Pero a declaración do estado de alarma obrigou a cancelar o acto.

Como investigadora, Ana Garrido ten publicados varios volumes colectivos e monográficos – entre eles Identidade, memoria e xénero: un achegamento panorámico aos Estudos Galegos (2014), Identidad, género y nuevas subjetividades en las literaturas hispánicas (2016) e Identidade(s) e xénero(s) na cultura galega: unha achega interdisciplinar (2018) –, así como numerosos artigos académicos sobre literatura e emigración, estudos de xénero e narrativas peninsulares contemporáneas. Ademais, é membro dos Grupos de Investigación Género, Identidad y Discurso en España y América Latina (GENIA) e (Outra)Iberia. Outras representacións, culturas e identidades na Península Ibérica. Foi lectora de galego na Universidade de Varsovia (UW) entre 2010 e 2013 e na actualidade é profesora adxunta na Facultade de Linguas Modernas da UW. Tamén é secretaria da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) e tradutora ao galego de Alma Perdida, un conto ilustrado de Olga Tokarczuk –Premio Nobel de Literatura 2018– e a debuxante Joanna Concejo.

Convocatoria 2020
Os traballos que se presenten ao Premio Xohana Torres tratarán da participación social e política das mulleres e terán como obxectivo reconstruír a súa memoria histórica. Poderán ser ensaios literarios ou científicos ou pezas audiovisuais e sempre se referirán a mulleres galegas.

Poderá concorrer a esta convocatoria calquera persoa física, individualmente ou nunha agrupación sen personalidade xurídica. As obras que se presenten terán que ser en calquera caso inéditas e non premiadas con anterioridade. O formato terá que encadrarse nalgunha das dúas modalidades do premio: ensaio ou creación audiovisual.

Na modalidade de ensaio, as obras deberán presentar en soporte dixital e por duplicado un único traballo, en formato PDF, cun tamaño máximo de 100 MB. As copias entregaranse en cadanseu DVD ou pendrive. Os traballos terán unha extensión mínima de 150 páxinas e máxima de 300, a dobre espazo, tamaño da fonte 12, con marxes de 2,5 centímetros, a unha soa cara e numeradas. As obras deberán presentarse coa seguinte estrutura: introdución, na que se exprese o tema e o obxectivo do ensaio; desenvolvemento, coa exposición e análise do tema; conclusións e bibliografía, coas referencias ás fontes consultadas.

Os traballos audiovisuais poderán corresponderse con calquera tipo de expresión artística e terán unha duración mínima de 15 minutos. Presentaranse por duplicado en cadanseu DVD ou pendrive, no que se incluirá unha copia do vídeo.

Todas as obras terán que estar redactadas en lingua galega e empregar a linguaxe non sexista.

Os orixinais non premiados poderán ser retirados polas persoas que os presentaron na Concellaría de Igualdade ata o día 8 de abril seguinte ao acto de entrega do premio. En caso de que non se retiraran no devandito prazo, o Concello procederá a arquivalos. As bases están publicadas na web do Concello de Santiago.

Direccións relacionadas



Compartir: