FESTAS

Unha festa fareleira, desfiles e atranques para celebrar o Entroido

20/02/2020 O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, presentou este xoves a programación do Entroido en Compostela. O Meco subirá ao Pazo de Bendaña este sábado para presidir unha celebración que se prolongará ata o mércores 26, cando o boneco arderá na praza Roxa. A xornada grande volverá a ser o martes, co desfile e concurso de carrozas, comparsas e disfraces, e a novidade deste ano será a festa fareleira prevista para o luns 24.

O concelleiro estivo acompañado na rolda de prensa polo xa habitual creador do Meco, José Manuel Méndez, quen explicou que este ano fixo un Meco Contaminante, en referencia á declaración da emerxencia climática. E como sempre quere estar pegado á actualidade, mesmo incluíu unha coroa no boneco, en alusión ao coronavirus. Tamén participaron na presentación Os Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño e Os Armatroulas, tres das formacións que animarán o Entroido compostelán durante estes días.

A programación arrincará este sábado 22 co tradicional desfile do Meco dende a praza de Cervantes ata o Toural. Dende o balcón do Pazo de Bendaña, o boneco presidirá o Entroido ata o mércores 26. Alí tamén pronunciará o pregón do Entroido a actriz Iria Pinheiro. Todo isto acompañado dun espectáculo musical e pirotécnico a cargo da compañía Deabru Beltzak.

Ao día seguinte, a animación do Entroido empezará ben cedo polas rúas cos Conformistas de Conxo e a charanga Os Atrevidos, e pola tarde, na Sala Capitol, celebrarase o Festival Infantil de Disfraces, que será animado por A Run Run.

Luns fareleiro
A xornada do luns acollerá a principal novidade deste ano, unha festa fareleira no Toural, pola mañá para os máis pequenos e pequenas, e pola tarde xa para todas as idades. Gonzalo Muíños animou a todos e todas a levar fariña da casa e a divertirse nesta festa. Este día tamén haberá un obradoiro de máscaras pola mañá no Pazo de Bendaña, e animación de rúa coa Charanga BB+.

Desfile e queima do Meco
O martes de Entroido volverá a ser o día grande, co desfile polas rúas de Compostela. As carrozas, comparsas e charangas reuniranse na avenida de Ferrol ás 16:30 horas, e de aí irán por Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Senra e Xoán Carlos I.

E rematado o desfile, os/as participantes dirixiranse á Sala Capitol, onde actuará Brassica Rapa e onde se celebrará a entrega de premios, que alcanzarán os 17.200 euros.

E xa chegado o mércores, chegará o momento de acompañar o Meco dende o Toural ata a praza Roxa, onde arderá despois dun percorrido cunha comitiva de loito e co acompañamento musical da Ruliña de Laraño, Os Armatroulas e a Charanga BB+.

O concelleiro lembrou tamén as diferentes actividades que xa levan semanas en marcha e que seguirán estes días nos centros socioculturais, e os atranques dos Xenerais da Ulla que se celebran nos barrios de Santiago. En concreto, este sábado hai atranque en Aríns e, o domingo, no Eixo.

Documentos relacionados



Compartir: