POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

Strelia Electrotecnia, Numax e Cantigas e Agarimos, gañadoras da edición 2019 dos Premios Manuel Beiras

16/12/2019 A XX edición dos Premios Manuel Beiras xa teñen gañadores: Strelia Electrotecnia, Numax e a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, tal como se anunciou nunha rolda de prensa na que participaron Noa Díaz, concelleira de Políticas Lingüísticas, e Xavier Freire, vogal do Pleno da Cámara de Comercio. Os galardóns foron entregados nunha gala celebrada no Teatro Principal e presidida polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e polo presidente da Cámara de Comercio, José Sierra.

Strelia Electrotecnia foi a empresa gañadora na categoría de uso continuado do galego. O xurado premiouna por "empregar o galego nun sector empresarial innovador e dinámico como é o da electrónica de telecomunicacións e industrial, no que desenvolve solucións de electrónica profesional en campos como as telecomunicacións, a oceanografía, as ciencias da terra, o control industrial e a eficiencia enerxética". Valorou especialmente que, tendo en conta que gran parte da súa clientela se sitúa fóra das nosas fronteiras, a súa escolla lingüística demostra que "o galego serve para comunicarse, mais tamén para transmitir valores como o de calidade, compromiso, seriedade e respecto pola diversidade natural, social e cultural".

Na modalidade de nova incorporación, o galardón recaeu en Numax Sociedade Cooperativa, por "incorporar a lingua a un proxecto empresarial que tiña tanto de arriscado como de atractivo e innovador. Sala de cinema; libraría; cafetaría; laboratorio de deseño, comunicación e produción... En definitiva, espazo de encontro social e cultural nunha cidade viva que sabe acoller como se merecen propostas deste calado". Para o xurado, Numax representa "un lugar onde o galego comparte protagonismo coas historias que alí suceden".

Finalmente, a distinción especial foi para a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, porque "ao longo dos seus 98 anos de historia, diferentes xeracións de compostelás e composteláns tiveron a oportunidade de se formaren no coñecemento do folclore galego, polo que tamén se converteron en coñecedoras e transmisoras do importante legado lingüístico que este atesoura". O fallo do xurado refírese tamén a un respecto polo galego que "traspasou as paredes das aulas e reflectiuse noutros ámbitos sociais. Cantigas e Agarimos é unha entidade que xa forma parte do valioso patrimonio cultural da cidade de Santiago de Compostela.

Noa Díaz agradeceu a todas as empresas participantes "o seu interese e o esforzo que fan" e "ser exemplo para as demais". Considerou importante premiar a estas empresas con recoñecementos públicos, mais sobre todo, "co noso apoio como clientela", porque "temos na nosa man que o galego medre e fai falta que o faga para garantirlle un futuro vizoso".

"Celebramos unha data redonda, que é un fito na consolidación dos Premios Manuel Beiras e dos valores que representan. Celebramos a súa continuidade, á que contribuíron desde o ano 2000 os diferentes gobernos da Cámara e do Concello, dos que formaron parte xa todas as forzas políticas", apuntou a concelleira, quen citou todas as empresas, institucións e persoas gañadoras do galardón nestes 20 anos.

Noa Díaz rematou a súa intervención convidando a todos/as a participar na gala de entrega de premios, que se celebra esta tarde, ás 20:00 horas, no Teatro Principal. A asistencia é aberta ata completar a capacidade do recinto. O acto será conducido polo actor e humorista Carlos Blanco.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: