DEPORTES

A San Silvestre volve despedir outro intenso ano atlético en Compostela

13/12/2019 Dende a mañá de hoxe venres está aberta a inscrición para unha nova edición da San Silvestre, a carreira coa que se despedirá deportivamente o 2019. Agárdase a participación de máis de 2.000 persoas nunha proba, xa consolidada no calendario atlético galego, convertida nun modo saudable e tamén festivo de pechar o ano.

A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, presentou esta San Silvestre 2019, que arrincará ás 18:00 horas do martes 31 de decembro. Con saída e chegada na praza do Obradoiro, os/as corredores/as percorrerán un circuíto urbano de algo máis de cinco quilómetros. Haberá dúas saídas diferenciadas, unha para quen afronte a proba dun xeito competitivo e outra para quen corra dun xeito máis lúdico ou non competitivo.

Acompañaron a Esther Pedrosa na rolda de prensa o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; o delegado da FGA en Santiago, Iván Sanmartín; e a atleta galega Tina Fernández, subcampioa da pasada edición e que volverá competir este ano.

Todos/as eles/elas animaron á cidadanía a participar na proba, que Iván Sanmartín cualificou como "un modo especial de despedir o ano coa túa familia e amigos". Nos mesmos termos se pronunciou Isidoro Hornillos, quen falou dunha "proba importante para despedir un ano importante para o atletismo galego".

Se ben esta proba non está incluída no CorreSan, sí sirve para pechar o "intenso" ano atlético en Compostela marcado por la oitava edición deste Circuíto de Carreiras Saudables. Hornillos agradeceu o compromiso municipal con estas probas atléticas, que teñen convertido a Santiago nun "referente no atletismo urbano". Neste sentido, expresou o seu desexo de que, coas anunciadas melloras nas pistas universitarias de atletismo, a cidade tamén se converta nun "referente no atletismo de pista".

As inscricións poden realizarse a través da web de Carreiras Galegas e, a partir da vindeira semana, tamén a través da propia web da San Silvestre de Santiago.

Compartir: