XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba unha prórroga provisional do aluguer do local sociocultural da zona histórica

18/11/2019 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria deste luns, aprobou a prórroga do aluguer do local situado na rúa de Santa Cristina que vén sendo utilizado como local sociocultural para a zona histórica. A prórroga fíxase por nove meses (do 1 ao 30 de setembro de 2020, un período transitorio mentres o Concello dispón e acondiciona para o mesmo uso o inmoble que ten previsto na praza de Salvador Parga, tal como recordou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo.

A disposición deste novo local está pendente da sinatura dun convenio entre o Concello e Abanca para a cesión en aluguer deste inmoble, que o Concello habilitará como local sociocultural da zona histórica. Segundo apuntou Sánchez Bugallo, ao aluguer fixaríase por 15 anos, pero "estamos buscando unha fórmula para amplialo a 25 anos".

O alcalde agarda que "á volta do verán do ano que vén, os veciños e veciñas do casco histórico poidan dispor deste novo local", con 300 metros cadrados útiles e outros 300 metros cadrados de zona axardinada. En calquera caso, non descartou que poida haber un "período transitorio" no que os usos municipais se poidan compatibilizar cos usos socioculturais na Casa Elisa e Jimena Fernández de la Vega ata que o novo local estea acondicionado.

Sobre a cesión pola USC da Casa Elisa e Jimena Fernández de la Vega –na que o Concello ten previsto centralizar todos os servizos da Concellaría de Cidade Histórica e de xestión e atención cidadá deste ámbito- o rexedor indicou que a comisión mixta Concello-USC segue traballando nesta materia. Sánchez Bugallo espera que estea concretada antes de final de ano a cesión, que seguirá ligada á permanencia da Facultade de Odontoloxía no edificio municipal da rúa de Entrerríos, xa que "non se prevé un traslado a curto prazo" da devandita Facultade.

Licenzas
En materia de Urbanismo, o alcalde destacou as licenzas concedidas para dúas actuacións na Catedral: a restauración da escalinata e da cripta do obradoiro, e a conservación e posta en valor da capela do Cristo de Burgos, na fachada ao patio de Xelmírez. E en canto a vivenda, outorgouse licenza para a construción dun edificio de 16 vivendas na mazá R2 do Polígono 2 do SUP-2 de Cornes.

Centros especiais de emprego
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a prórroga por un ano, dende o 21 de novembro, do contrato de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e do arborado do parque de Salgueiriños, reservada a centros especiais de emprego. A prórroga coa empresa Coregal Parques e Xardíns é por un importe de 90.024 euros.

Documentos relacionados



Compartir: