IGUALDADE

"Vacina" contra as violencias machistas nas vésperas do Día Internacional contra a Violencia de Xénero

18/11/2019 A Concellaría de Igualdade en marcha a campaña "Compostela en negro", de cara ao 25N, para sensibilizar e denunciar a problemática das violencias machistas, que este ano se centra no colectivo empresarial e no estudantado.

Compostela en negro volve con forza a poucos días do 25 de novembro, Día internacional contra a violencia de xénero. Este ano unha das accións centrais da campaña, nacida no concello compostelán como unha acción colectiva en 2015, quere chegar ao colectivo empresarial para implicalo no rexeitamento das violencias machistas. Así foi presentada na sede da Asociación Área Empresarial Polígono do Tambre pola concelleira de Igualdade, Noa Díaz, xunto ao presidente da Asociación, José Fernández Alborés. Tamén asistiu Pedro Jesús Juan Boix, director xeral de Castrosúa.

Noa Díaz lembrou que, no que levamos de ano, hai contabilizados oficialmente 51 crimes por violencias machista. Pero engadiu que a eses feminicidios hai que sumarlle as "miles as mulleres que sofren diariamente episodios de acoso e violencia sexual. É por iso que se fan necesarias datas como a do próximo luns, que serven de recordatorio de que ás mulleres nos matan polo simple feito de ser mulleres".

Ademais, a concelleira referiuse a un dos eixos da campaña, a educación, "dende o convencemento de que educación e a prevención son medidas esenciais para frear as violencias exercidas contra as mulleres".

Pola súa parte, José Fernández Alborés indicou que dende que se informou da campaña ás empresas do polígono, levan repartidos 650 packs. A resposta, dixo, "está sendo boa". Tamén destacou a pancarta negra colocada na fachada da sede da Asociación de Empresarios, un lugar, sinalou, dos máis visibles de Santiago.

Reparto no polígono do Tambre
Dúas mil "vacinas" contra as violencias machistas serán repartidas a partir de hoxe no polígono co seu respectivo prospecto: "A violencia machista é contaxiosa. Vacínate. Composición: Respecto 800 mg, Coidado 600 mg, Empatía 450 mg. Consentir e animar bromas e comentarios sexistas tamén é machismo", e un estoxo que contén a camiseta negra da campaña, unha pulseira negra que acredita que a vacina foi posta correctamente e un adhesivo para o coche co logotipo de Compostela en negro. O primeiro reparto do estoxo farase hoxe mesmo no restaurante Garulesa do Tambre, onde se volverá repartir entre as persoas que vaian xantar alí no mediodía do 25N. As empresas que queiran solicitalo para os seus traballadores e traballadoras poden contactar coa Asociación Área Empresarial do Tambre.

Outro dos lemas fundamentais da campaña será "Contra as violencias machistas, educación", dende o convencemento que educación e prevención son medidas esenciais para frear as violencias exercidas contra as mulleres. Dende a Concellaría de Igualdade convidouse os centros escolares a sumarse á campaña colocando a lona negra na fachada dos seus edificios e vestindo de negro (e se chove, con paraugas negros) o 25N, de 11:00 a 12:00 h, na praza do Obradoiro, durante a concentración e lectura do manifesto. No mesmo acto diversos centros escolares composteláns representarán proxectos realizados para a ocasión dentro dun certame convocado dende a Concellaría de Igualdade.

Durante estes días convídase e anímase a todo o tecido comercial da cidade, a entidades, a asociacións e á cidadanía en xeral a "vestir" de negro -especialmente entre o 21 e o 25 de novembro- escaparates, ventás e, en xeral, espazos visibles, reutilizando os materiais doutros anos e empregando a imaxinación. O obxectivo é tinguir todo de negro amosando a dor polas mulleres asasinadas por mor da violencia machista e tamén o rexeitamento a todo tipo de violencias exercidas contra as mulleres.

No caso de non contar con material doutros anos, o CIM (Centro de Información ás Mulleres, edificio de Servizos Sociais en Galeras) repartirao a partir de hoxe, en horario de 9:00 a 14:00 e de 15:30 a 19:00 h, ata o venres 22.

Vídeos de Rural en igualdade e máis actos reivindicativos
Continuando cos actos do 25N, o xoves 21, ás 20:00 h, o Centro Sociocultural de Enfesta acollerá a presentación pública das pezas audiovisuais resultado dos obradoiros de risoterapia e apoderamento dirixidos ás mulleres do rural. Estes talleres, que chegaron a once parroquias compostelás (Villestro, Bornais, Laraño, Marantes, Busto, Grixoa, Enfesta, Lamascal, Lavacolla, Aríns e Carballal) forman parte das accións de saúde e benestar do programa anual Rural en igualdade.

Ao día seguinte, venres 22, o alcalde e a concelleira de Igualdade asistirán no Concello de Lugo á sinatura do convenio entre os concellos que forman parte da campaña xenérica En negro contra as violencias, dirixida a toda Galicia. Os concellos adheridos adquiren o compromiso político e técnico para espallar a acción e mobilizar a poboación e os axentes sociais e económicos para tinguir de negro as vilas e cidades galegas. Ademais dos concellos, forman parte da campaña as deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra. Xa pola noite, ás 20:00 h, poderemos gozar da peza de danza Ophelia na igrexa da USC.

Por último, o martes 26, a partir das 17:00 h, no Centro Sociocultural das Fontiñas, o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, abrirá o maratón de lectura de textos pola igualdade e en contra da violencia de xénero. No acto participarán outros/as concelleiros/as, nenos e nenas das aulas de xogos, persoas socias dos clubs de lectura da Rede de Bibliotecas do Concello e do ámbito da cultura de Santiago e, por suposto, todas as persoas que a título persoal queiran sumarse. No mesmo CSC das Fontiñas estará rematado o mural colaborativo "Pinta a túa man para dicir non á violencia de xénero", que se elaborará nas tardes do mércores 20 ao martes 26, de 17:00 a 19:00 h, xunto ao photocall dixital "En negro contra as violencias".

Na mesma tarde do 26 haberá un contacontos, co espectáculo As cores, que traballará a educación en igualdade. Está dirixido a crianzas de 3 a 9 anos, a partir das 18:30 h, na aula de xogos do Centro Sociocultural de Santa Marta.

Direccións relacionadas



Compartir: