PROMOCIÓN ECONÓMICA

Sánchez Bugallo: "o talento humano é un elemento clave na innovación e no desenvolvemento"

21/10/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, destacou na inauguración de Talentia Summit'19, que o "talento humano é o elemento clave na innovación e no desenvolvemento". No acto tamén interviron a ministra de Economía en funcións, Nadia Calviño; e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.

Para Santiago, sinalou Sánchez Bugallo, a única forma de liderar o futuro é que as novas xeracións teñan un emprego de calidade. Engadiu que Talentia Summit é unha aposta por situar Compostela, "no cerne, no núcleo de reflexión e acción arredor do talento e das novas formas de emprego." "A nosa óptima situación xeográfica dentro de Galicia; o equilibrio do noso tecido produtivo -integrado por pequenas e medianas empresas que son potenciais xeradoras de emprego hoxe e para o futuro próximo-, o sector cultural, o turismo ou o ámbito sanitario, entre outros, cunha Universidade especializada e punteira; todo isto debe situar a Santiago" dixo, "nun centro de oportunidades".

Nadia Calviño sinalou que a educación é un elemento clave para o desenvolvemento do talento. E nun mundo cada vez máis competitivo é moi importante, dixo, aproveitar e xestionar correctamente un dos activos máis importantes do noso país: o talento. A ministra tamén se referiu á transformación dixital. Sinalou que en España temos un crecemento estable e con uns fundamentos da economía máis sólidos ca en períodos anteriores. Pero existen desafíos. Enumerou as taxas de paro, os altos indicadores de desigualdade, cambio climático, o desafío tecolóxico e o despoboamento. Para encarar isto apelou á sensibilidades social e reformas que permitan "seguir medrando de xeito sostible. Reformas clave como a transformación dixital da economía, e a capacitación dixital da sociedade a través da formación.

Na súa intervención o presidente da Xunta destacou o talento que existe en Galicia en diversos ámbitos. No política "exportamos unha ministra", dixo referíndose a Nadia Calviño. Destacou tamén os logros no deporte e os avances da industria galega en sectores como automoción ou aeronáutica. Para Núñez Feijóo cómpre buscarlle partido. Para iso é preciso, explicou, buscar referentes; avanzar nas novas tecnoloxías, no que se está a traballar desde a formación e a innovación; e un papel activo das administracións públicas.

Na primeira intervención, de benvida, o alcalde explicou que existe unha total coincidencia entre as persoas expertas, sobre cales serán os factores que máis impactarán na xestión do talento no horizonte 2030. En primiro lugar, enumerou a dixitalización das empresas; en segundo lugar, o incremento da competitividade e a innovación; e en terceiro lugar a Responsabilidade Social Empresarial e os novos valores. Sobre estes asuntos, Sánchez Bugallo convidou á reflexión.

José Luis Pérez Pla, consultor director en Cegos e responsable da Escola de Excelencia Comercial de Telefónica na súa ponencia "A xénese do "talentum", desde unha unidade monetaria ao motor das organizacións e a sociedade", sinalou que o talento ten valor, e que todas as persoas o teñen. Hai que descubrir, dixo, ese talento, suma de habilidades, coñecemento e sobre todo de aptitudes", abrirlle as portas. Rematou incidindo: "desarrollemos e traballemos ese talento".

Miguel Ángel Ruiz, Brand Strategy & Innovation Senior Manager de Samsung España disertou sobre "A misión dunha compañía tecnolóxica líder nun mundo cada vez máis disruptivo, global e dixital". Sobre as novas tecnoloxías sinalou que aínda "non estamos preparados", sobre todo a nivel de formación. E que as prazas a nivel laboral en España e en Europa non se cubren.

Federico Buyolo, director xeral da Oficina da Alta Comisionada para a Axenda 2030 impartiu a ponencia "Axenda 2030, acción de goberno e políticas públicas". Nela lembrou a importancia de conciliar as axendas urbanas, coas políticas sociais, económicas e medioambientais para, con talento, educación e creatividade, acadar un futuro para este mundo tan desigual.

Sonia Mulero, directora da Fundación Banco Sabadell, conversou coa presentadora Silvia Jato sobre coñecemento, innovación e talento, como piares do cambio. Mulero sinalou que hai moito talento feminino, o que permitirá "romper os teitos de cristal".

Jaime de Nardiz Pérez, director de diagnóstico cultural de Great Place to Work falou sobre "Competencia universal polo talento, tendencias presentes e futuras para a xestión de persoas". Destacou, en concreto, a importancia do lugar de traballo na expresión do talento: persoal implicado, asignación correcta de funcións, cumprimento de promesas e recoñecemento do traballo.

Paul Tran, director de Recursos Humanos de Hijos de Rivera, S.A buscou respostas á pregunta, "Que pasos seguimos para ser un mellor lugar onde traballar?" Asegurou que "implantar una cultura de empresa orientada cara as persoas precisa do compromiso da dirección, pero é un labor de todos os empregados" Cómpre, engadiu, "integrar ás persoas mesa estratexia".

A ponencia final impartiuna Javier Sirvent, evanxelista tecnolóxico. Baixo o título "Nunca fixeramos cambios tan rápidos nas nosas vidas, pero xamais volveremos ir tan despacio", disertou sobre a velocidade dos cambios tecnolóxicos co exemplo do 5G e as novidades que traerá a nivel social. "O pasado é historia e o futuro apaixoante. Aproveitade o momento actual", rematou.

Compartir: