IGUALDADE E MEDIO RURAL

Os obradoiros da risa chegan neste outono a 11 parroquias do rural

01/10/2019 Un novo ciclo de Obradoiros da risa dará comezo a vindeira semana nos centros socioculturais do rural. Desenvolveranse durante os meses de outubro e novembro en once parroquias de Compostela, creando un espazo de encontro e de diversión no que descubrir os beneficios da risa na saúde dende unha perspectiva de xénero. A participación é de balde.

Os concelleiros de Políticas de Igualdade, Noa Díaz, e de Medio Rural, José Manuel Pichel, presentaron estes Obradoiros da risa, xunto á técnica responsable dos centros socioculturais do rural, María Pose, e a tres mulleres que xa participaron anteriormente noutros obradoiros do programa: Lucía Segundo Moure, de Aríns; Nuria Leborán García e Ana Celia Garabal Amado, ámbalas dúas de San Xulián de Carballal.

Tal como explicou José Manuel Pichel, "a risoterapia é unha técnica psicoterapéutica que busca xerar beneficios mentais e emocionais a través da risa", polo que estes obradoiros teñen como obxectivo que "as mulleres participantes se sintan máis positivas, máis optimistas e máis satisfeitas a nivel persoal e grupal". "Cremos que é un exercicio emocional e moi san para as persoas que o practican", engadiu.

Pola súa parte, Noa Díaz valorou que estes obradoiros lles sirvan ás participantes para "cambiar a súa maneira de ver as cousas". Así o ratificou Lucía Segundo, quen apuntou que nestes encontros "buscamos a maneira de querernos e valorarnos a nós mesmas". Os obradoiros tamén son útiles como "medio de conexión entre diferentes xeracións", tal como apuntou Nuria Leborán.

Os Obradoiros da risa, que arrincarán o luns 7 de outubro, chegará a once parroquias: Villestro, Bornais, Laraño, Marantes, Busto, Grixoa, Enfesta, Lamascal, Lavacolla, Aríns, e Carballal. En cada centro hai programadas tres sesións de risoterapia dunha hora e trinta minutos.

Os obradoiros, impartidos por Cruz Dafonte, están abertos á participación de mulleres de calquera idade e son de balde. O período de inscrición está aberto e as interesadas poden achegarse a un dos centros socioculturais nos que se imparten ou formalizar a inscrición a través do correo electrónico mposeo@santiagodecompostela.gal. "Aínda quedan prazas dispoñibles, pero seguro que se van esgotar", apuntou a responsable a técnica María Pose.

Espazos de encontro e diversión
Os Obradoiros da risa forman parte das accións de saúde e benestar do programa Rural en Igualdade e é a última das actividades programadas neste 2019. Con estes obradoiros finaliza unha programación anual que achegou ás parroquias diferentes recursos e actividades para as mulleres, como obradoiros de empoderamento, sesións de conversas "Mulleres que se encontran" e andainas polas parroquias.

Estes talleres da risa teñen como obxectivo crear espazos de encontro e diversión nos que poder descubrir os beneficios da risa na saúde, e mellorar e favorecer a comunicación e as relacións persoais, reflexionando como inflúe o xénero no desenvolvemento das nosas vidas. Favorécese deste xeito o crecemento persoal, o benestar e a calidade de vida das mulleres que viven no rural.

Este ciclo de obradoiros dá continuidade ao realizado hai un ano nas parroquias de Figueiras, Verdía e Bando, nos que as participantes destacaron o bo clima grupal que se creou nas sesións, a recuperación do gusto polo xogo e a oportunidade de sentirse libres para expresar emocións. Naquela ocasión participaron nos obradoiros 40 persoas. Con este novo ciclo búscase estender este tipo de intervención a todas as parroquias do rural, cubrindo así as necesidades detectadas e dando cumprimento aos obxectivos contemplados no Plan de Igualdade Municipal 2017-2020.

Compartir: