BENESTAR ANIMAL

Esther Pedrosa agradece o donativo entregado por Xosé Manuel Budiño e a revista Coralia ao Refuxio de Animais de Bando

17/07/2019 A concelleira de Benestar Animal, Esther Pedrosa; e a directora do
Refuxio de Animais de Bando, Olalla García, recibiron esta mañá a doazón procedente das vendas do último traballo de Xosé Manuel Budiño, Fulgor, durante a presentación de Coralia. Revista Compostelá de Tendencias.

Esther Pedrosa agradeceu a cantidade doada e lembrou que neste momento hai 146 canciños e 135 gatos esperando para ser adoptados. "Precisan comida, vacinas, atención veterinaria… Están ben coidados, pero non é o seu fogar", apuntou.

O donativo entregouno Xosé Manuel Budiño na praza do Obradoiro. O acto contou cunha convidada de excepción, Cristal, unha cadeliña de 14 anos abandonada, que chegou hai un mes ao refuxio con cataratas e problemas de corazón. Budiño agradeceu a iniciativa da revista Coralia, "un pequeno gran de area para que estes animais teñan unha vida mellor".

Esther Pedrosa convidou a todas as persoas a que adopten "por moitas razóns. Entre elas, porque precisan un fogar; e porque se adoptas, ademais de ter un can ou un gato, tamén gañas un amigo". Pola súa parte, Olalla García explicou que "agora mesmo estamos saturados de gatos, e de cara ao verán contamos que vai seguir subindo o número deles".

A cantidade recadada polas vendas do CD de Xosé Manuel Budiño na presentación do número de verán da revista Coralia, no serán do pasado 1 de xullo, ascende a 500 euros. Olalla García deulle as grazas por esta doazón, sinalando que "toda axuda é sempre benvida". Ademais de donativos como este, as persoas interesadas poden colaborar co Refuxio de Animais como voluntarias, apadriñando un animal ata que é adoptado, cedendo o seu fogar para unha acollida temporal, asociándose ou aportando unha pequena doazón mensual a través da modalidade de teaming.

Compartir: