ALCALDÍA

Santa Marta, Abastos e Pontepedriña acollen tres novos roteiros de Os Quinquilláns co gallo da Festa do Banquete

24/04/2019 Vai quedando menos para a segunda edición da Festa do Banquete, que este ano terá lugar os días 3, 4 e 5 de maio no barrio de Conxo. Por iso, o grupo teatral Os Quinquilláns ofrecerá tres novos roteiros teatrais por Compostela.

O venres 26 de abril, o roteiro de Os Quinquilláns e Cavort teatro chegará ao barrio de Santa Marta, con saída no Centro Cívico ás 19:00 horas. O sábado haberá dúas ocasións para coñecer a historia daquel 2 de marzo de 1856. A primeira, na zona do mercado de Abastos a partir das 12:30 horas, e a segunda, xa pola tarde, nos barrios do Castiñeiriño e Pontepedriña. Será a partir das 18:00 horas no parque Eugenio Granell.

Será un roteiro participativo e aberto para todo tipo de públicos que servirá de convite para que os veciños e veciñas participen na gran Festa do Banquete. Participarán Rosalía de Castro, interpretada por Rocío González; Aurelio Aguirre, a cargo de Inacio Vilariño; Hixinio Rodeiro será Eduardo Pondal; a cacheirana que fará de enlace de toda a historia estará interpretada por Tero Rodríguez; o personaxe de Fandiño será Borxa Insua e o crego interpretarao Lucho Penabade. A acción estará acompañada pola música dos Muiñeiros do Sarela, mudando a regueifa do ano pasado polos cantos de taberna, o que permite destacar aínda máis o espírito festivo desta celebración.

Festa do Banquete
As persoas que o desexen poden participar, non só nos roteiros deste venres e sábado, senón tamén no desfile de obreiros e artesáns do propio 5 de maio. Ademais, poden participar na organización da Festa do Banquete ou ben como persoa voluntaria co grupo que está a crear a Asociación Itínera. Para calquera desas opcións habería que contactar co Centro Cívico de Conxo, no correo csconxo@santiagodecompostela.gal ou ben no teléfono 981 528 740.

Están a realizarse obradoiros do traxe tradicional no Centro Cívico de Conxo durante os venres de abril, de 18:00 a 20:00 horas; e tamén obradoiros de deseño de vestiario de época, os sábados a partir das 18:00 horas. Ambas as dúas actividades precisan inscrición previa.

Compartir: