DECLARACIÓN

A Corporación amosa o seu apoio ao persoal do aeroporto que demanda a AENA o mantemento do servizo de cantina

24/04/2019 A Sala de Prensa do Pazo de Raxoi acolleu hoxe a lectura da declaración institucional asinada polos catro grupos municipais en apoio ao persoal do aeroporto Rosalía de Castro, que vén amosando a súa preocupación pola situación da cantina da instalación, que sairá a licitación de maneira independente das tres cafeterías de uso público.

Da declaración deron conta hoxe a voceira de Compostela Aberta, Marta Lois; o voceiro do Partido Popular, Agustín Hernández; e os edís de PSOE e BNG, Gonzalo Muíños e Rubén Cela. No texto asinado esíxeselle á dirección de AENA en Santiago de Compostela que "reciba a representación sindical dos traballadores e traballadoras para que poidan trasladarlle as súas preocupacións", que pasan polas novas licitacións das cafeterías de uso público e da cantina do aeroporto "xa que, polo acontecido noutros aeroportos do Estado como Tenerife Sur ou Sevilla, existe un risco real de que a licitación da cantina, por ser menos atractiva para as licitadoras, quede deserta, cos graves prexuízos e agravios que iso suporía para os traballadores e traballadoras do aeroporto".

"A iso sumaríaselle -continúa o texto- a destrución dun mínimo de catro postos de traballo, correspondentes ás persoas que prestan o servizo na actualidade, así como a perda do poder adquisitivo do persoal do aeroporto ao verse obrigados a aboar o prezo existente para o público xeral. Esta situación é aínda máis prexudicial para aqueles traballadores e traballadoras máis precarizadas da instalación, que teñen ata dous ou tres postos de traballo diferentes nunha mesma xornada laboral".

Entre as peticións a AENA destacan a incorporación nos pregos de licitación do novo servizo de restauración as cláusulas necesarias que garantan, en calquera caso, o mantemento dun servizo de comedor nas condicións vixentes previstas no prego da cantina, así como o apoio das reivindicacións do Comité de Centros do aeroporto na reclamación relativa ao mantemento das condicións do servizo de comedor actualmente existente no aeroporto de Santiago para todos os traballadores e traballadoras.

Compartir: