ALCALDÍA

Dezaseis restaurantes de Compostela prepararán pratos de cabra ao abeiro da Festa do Banquete

17/04/2019 A nave 5 da praza de Abastos acolleu esta mañá a primeira xornada gastronómica de degustación de cabra das tres que se van celebrar na nosa cidade ao abeiro da Festa do Banquete. A iniciativa, posta en marcha polo Concello e a Asociación Hostalería Compostela, foi presentada esta mañá polo alcalde, Martiño Noriega; a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, e a presidenta da Asociación, Sara Santos.

A listaxe de restaurantes participantes son a Pulpería Fuentes, Paz Nogueira, Los Caracoles, O Muiñeiro, A Nave de Vidán, Don Quijote, Pazo de Altamira, Sexto II, María Castaña, Mesón de Lázaro, San Jaime, Pampín, Caney, Amoado, A Ostrería e Frebas. Estes restaurantes, que se atopan por todo Santiago, prepararán pratos especiais con cabra ata a data da celebración da Festa do Banquete, que será os días 3, 4 e 5 de maio. O obxectivo desta acción, que se leva a cabo por segundo ano, é poñer en valor este produto, que se degustou aquel 2 de marzo de 1856 e forma parte da gastronomía dos barrios do sur de Compostela.

A iniciativa complétase con varias xornadas gastronómicas de degustación de cabra, tras a celebrada hoxe na Nave 5 da praza de Abastos. A seguinte será na Bodeguilla de Santa Marta o venres 26 de abril pola tarde, e a última terá lugar o venres 3 de maio ao mediodía no mercado La Galiciana.

O Concello a Asociación Hostalería Compostela están traballando conxuntamente nos últimos anos para consolidar o posicionamento de Santiago como destino gastronómico aproveitando os múltiples recursos da cidade. O exemplo máis importante desta colaboración é Santiago(é)tapas, que ambas entidades organizan conxuntamente dende hai catro edicións. Tamén se colabora na promoción doutros eventos que serven para poñer en valor produtos tradicionais da cidade, como a recente Festa Gastronómica das Uñas de San Lázaro, nunha acción na que tamén participaron restaurantes de toda a cidade.

Ademais a Asociación Hostalería Compostela organiza un xantar popular o domingo 5 na carballeira de Conxo. Neste xantar repartiranse degustacións de diferentes elaboracións de cabra (ata fin de existencias) como produto tradicional non só de Conxo, senón tamén de diferentes barrios de Santiago.

Compartir: