XUNTA DE GOBERNO

O Concello recibirá unha subvención de 290.000 euros para un novo obradoiro de emprego

19/10/2018 A Xunta de Goberno acordou hoxe aceptar unha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria para a posta en marcha do Obradoiro de Emprego "Creas". A axuda será de 288.807 euros, e o Concello cofinanciará o programa cunha achega de 60.000 euros.

O Obradoiro de Emprego "Creas" será desenvolvido de maneira colaborativa polos concellos de Santiago e Ames. Contará con vinte alumnos e alumnas, nas especialidades formativas de repoboación forestal e tratamentos silvícolas; e pavimento e albanelería de urbanización. No marco do obradoiro desenvolveranse traballos de urbanización e mellora medioambiental no Polígono do Tambre, e repoboación forestal e melloras selvícolas en Pedra Castro, en Ames.

Outros acordos
Na Xunta de Goberno tamén se acordou encargar a Tussa a posta a punto do aparcadoiro da rúa do Olvido, así como a posta a disposición das súas prazas públicas para o realoxo das persoas afectadas polas obras de Castrón Douro.

A proposta do concelleiro delegado de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial, o Goberno acordou hoxe a imposición de cadansúa sanción a dúas empresas que incumpriron o seu contrato. A primeira delas será para Construcciones Arosa, polo retraso de 41 días na execución das obras de mellora da seguridade viaria na rúa da Cañoteira, e por un importe dalgo máis de mil euros. A segunda sanción, de case 5.800 euros, será para a empresa Obras y Viales Cerne, pola demora de 267 días nas obras de repavimentación de viarios en varias parroquias do rural.

Documentos relacionados



Compartir: