TURISMO

A Alameda acolle o "Rilla na rúa" do 27 ao 30 de setembro, con actividades para toda a familia e a mellor street food

26/09/2018 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou hoxe unha nova proposta de lecer e gastronomía que terá lugar de xoves a domingo no paseo central da Alameda. Na rolda estivo acompañada do director de Radio Galicia, Mario Moreno, e de Iago Sánchez, director de eventos de Elemental Street.

A proposta leva por nome Rilla na Rúa e trátase dunha "feira gastronómica que vén acompañada de propostas culturais e de lecer pensadas para públicos de distintos gustos e idades", sinalou Marta Lois. O evento chega a Compostela logo do éxito de público acadado durante o verán en distintas cidades galegas.

O Rilla na rúa é un evento moi familiar que incorporará 12 food trucks con distintas ofertas gastronómicas e que estarán localizados na Alameda compostelá. A actividade está organizada por Radio Galicia e a empresa de eventos Elemental Street, coa colaboración do Concello de Santiago.

Música en directo e actividades
Durante os catro días que dura o Rilla na rúa, do xoves 27 ao domingo 30, o público poderá gozar da mellor street food, ao tempo que participar nas diversas actividades programadas para un público moi variado.

En Compostela terá un protagonismo importante a música en directo, cos grupos Fei Rock, Cha, Cerveja e Violao e Zeltia. Ademais, a parte musical completarase co Car-Aoke Hyundai e as sesións do DJ Paulo Regueiro, DJ Mikolápiz e Roll DJ.

Por outra banda, durante os catro días, a organización programou actividades pensadas para que os máis pequenos e pequenas desfruten tamén do evento: pintacaras, obradoiros de hula hop, obradoiro de mandís, etc.

Documentos relacionados



Compartir: