XUNTA DE GOBERNO

O Concello ampliará o patio do CEIP Quiroga Palacios

21/09/2018 A Xunta de Goberno acordou hoxe iniciar o procedemento de licitación das obras de ampliación do patio do CEIP Quiroga Palacios, que tamén será dotado dun novo parque infantil. A actuación custará cerca de 80.000 euros.

O alcalde explicou que a ampliación do patio "é unha vella demanda da comunidade educativa do Colexio Quiroga Palacios, un dos máis antigos da cidade, que vén de cumprir o seu 50 aniversario". Martiño Noriega apuntou que o centro vén gañando alumnado, e a súa dotación actual xa non era acaída para os datos de matrícula do Quiroga Palacios. A actuación tamén permitirá dotar ao CEIP dun novo parque infantil.

Tamén en Lavacolla vaise instalar un novo parque infantil nunha zona próxima ao local sociocultural. O procedemento de adxudicación tamén quedou aberto na Xunta de Goberno de hoxe, cun orzamento de case 75.000 euros. A actuación enmárcase no proceso de Orzamentos Participativos Compostela Decide de 2018.

Mantemento e rozas
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se ratificaron as adxudicacións de dous importantes contratos, despois de que se resolveran cadansúa discrepancia por reparo. Trátase da adxudicación do contrato de conservación, mantemento e reparación de pavimentos na campaña complementaria de 2018, ao que se destinarán 121.000 euros, IVE incluído; e do contrato de rozas e limpeza de viarios e parcelas municipais, tamén cun orzamento de 121.000 euros.

O alcalde lembrou que se trata de "dous contratos ponte, que garanten as actuacións necesarias ata que se resolva o proceso de adxudicación dos novos contratos de mantemento e rozas, que xa está tamén en marcha".

Festa do Deporte
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se adoptaron dous acordos en relación á Festa do Deporte, que se celebrará os días 28 e 29 de setembro. Dunha banda, quedou adxudicado o contrato do servizo e dotación de infraestrutura, loxística, persoal e sinaléctica necesario para o desenvolvemento do evento, ao que se van destinar preto de 40.000 euros. Por outra parte, aprobouse a memoria do desenvolvemento da actividade, que se celebrará no parque de Galeras e nas instalacións deportivas de Santa Isabel. O venres, a Festa do Deporte desenvolverase de 10:30 a 14:00 e de 17:30 a 20:30 horas, e o sábado só en horario de mañá, de 10:30 a 14:00 horas.

Outros acordos
Na xuntanza de hoxe tamén se avanzou en dous proxectos nos que o Concello colabora coa Consellería de Infraestruturas. Así, púxose a disposición da Axencia Galega de Infraestruturas o viario municipal necesario para a execución do proxecto de mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago; e aprobouse o convenio para a execución dunha parada de autobús na rúa de Clemente Fernández Sarela. O acordo será asinado nun prazo de tres meses.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: