CENTROS CÍVICOS

Carrilanas, teatro e xogos populares na XXXII Semana Cultural de Conxo

06/09/2018 O Centro Cívico de Conxo celebrará a súa Semana Cultural entre os días 11 e 15 de setembro. Será a edición número 32 desta iniciativa, que cada ano conta cunha gran participación da veciñanza.

A concelleira de Centros Cívicos presentou hoxe o programa da XXXII Semana Cultural de Conxo, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada por Xulio Noya, técnico do Centro Cívico de Conxo. Concha Fernández salientou que "esta iniciativa está plenamente consolidada despois de 32 anos, é moi agardada por toda a veciñanza do barrio e ten a capacidade de xuntar a persoas de moi diferentes xeracións ao redor das actividades propostas". A concelleira salientou que "a programación da Semana Cultural está feita dende o barrio de Conxo para o barrio de Conxo".

O programa deste ano desenvolverase dende o martes 11 de setembro ata o sábado 15, con actividades todas as tardes e para diferentes públicos. Unha das citas máis chamativas será xa na primeira xornada da Semana Cultural: a baixada da rúa Torrente en carrilanas. Trátase dunha actividade pensada para a rapazada de entre 7 e 15 anos, que previamente poderán participar nun obradoiro de construción de carrilanas dirixido por Oli Xiráldez. O técnico do centro cívico de Conxo lembrou que "as persoas maiores do barrio teñen relatado como anos atrás as carrilanas baixaban dende a Carreira do Conde ata Conxo". Xulio Noya incidiu en que "despois destas primeiras actividades deste ano, queremos apostar por recuperar as carrilanas nas vindeiras edicións da Semana Cultural".

Tamén as bicicletas terán o seu protagonismo na programación. O mércores 12, está prevista unha xincana ciclista e unha ruta ciclista por Compostela, en colaboración coa asociación Composcleta.

Teatro, contos e maxia
Na XXXII Semana Cultural de Conxo haberá varias citas co teatro, a maxia e os contos. Así, o mércores 12, o Centro Cívico acollerá o espectáculo Amodo Amodiño, de Trécola Teatro; o xoves 13 será a quenda da maxia co Mago Bugarín; e o venres 14, a veciñanza de Conxo gozará dos contos de Lydia Bolboreta e da comedia O enredo, de A Tequerreté Teatro. Nesa mesmo día, está previsto que actúen os mozos e mozas do grupo de teatro do Centro Cívico de Conxo, e que se desenvolva unha obra de improvisación para adultos dirixida por Xurxo Barcala.

Outra interesante proposta é a que se vai desenvolver na mañá do sábado 15: un paseo botánico-literario polas marxes do Sar, guiado por Martín Souto, e con lecturas dramatizadas co grupo de mulleres poetas Palabras Vivas.

Xogos populares e outras propostas
A Semana Cultural de Conxo traerá tamén sesións de xogos populares, as Noites de lúa e cine, en cooperación coa Asociación Itinera, e o obradoiro de monicreques con Babaluva Teatro. Haberá tamén unha actuación do Coro Studio, na igrexa da Mercé de Conxo, e unha conferencia sobre a figura dos trobadores, con José Antonio Souto.

O programa rematará cun Serán na carballeira do Banquete de Conxo, organizado en colaboración coa Asociación de Música Tradicional de Conxo e que seguirá aos obradoiros de introdución ao baile tradicional, o acordeón, a percusión e a gaita. Ademais, con motivo da Semana Cultural, o Centro Cívico de Conxo acollerá unha exposición fotográfica sobre a festa do Banquete, dende o martes 11 e ata o 30 de setembro.

Documentos relacionados



Compartir: