ALCALDÍA E OBRAS

As obras da avenida de Vilagarcía superan o seu ecuador e estarán rematadas antes de que acabe o ano

28/08/2018 O alcalde visitou esta mañá a avenida de Vilagarcía, para comprobar como se están a desenvolver as obras de reurbanización da rúa. Martiño Noriega estivo acompañado polo concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial, Rafael Peña, e polo presidente da asociación de veciños Raigame, Xosé Manuel Durán.

As obras da avenida de Vilagarcía veñen de chegar ao seu ecuador e avanzan a bo ritmo. Os traballos comezaron no mes de abril, cun prazo de execución de oito meses, e suporán un investimento de 360.000 euros, achegados pola Deputación da Coruña. A estas alturas xa se percibe a nova fisionomía que terá a rúa, "que será moito máis amable para os peóns e sobre todo máis acaída para un tramo que é entrada do Camiño de Santiago na cidade". Para iso, redúcese o espazo destinado aos vehículos en prol dunhas beirarrúas máis anchas. O proxecto da avenida de Vilagarcía inclúe tamén importantes melloras na iluminación e a renovación das redes de saneamento e abastecemento. O concelleiro Rafael Peña explicou que "aproveitando a actuación, vaise actuar en dous dos pasos de peóns da praza de Vigo, para facelos accesibles".

O alcalde mostrou o seu agradecemento á veciñanza e ao tecido comercial da zona, que "están a mostrar unha gran vontade de colaboración". Martiño Noriega explicou que "non se están a rexistrar incidencias nin queixas durante os traballos, e iso vai facilitar que a execución se produza en prazo"

Camiño Portugués
A avenida de Vilagarcía atópase en pleno Camiño Portugués, e por iso era preceptivo un informe da Dirección Xeral de Patrimonio antes de comezar as obras. Durante o anterior mandato, a actuación chegou a ser adxudicada, pero a ausencia do informe de Patrimonio impediu iniciar os traballos. Finalmente, o departamento autonómico obrigou a modificar o proxecto existente, ao entender que rompía a uniformidade do Camiño e utilizaba demasiados materiais distintos. O proxecto que está en marcha foi simplificado, e utiliza os materiais máis apropiados para o Camiño de Santiago.

Compartir: