POLÍTICAS SOCIAIS

Presentadas as liñas estratéxicas para facer de Santiago de Compostela un municipio amigable coas persoas maiores

14/08/2018 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, deu conta hoxe dun estudo elaborado polo seu departamento no que se expoñen as principais dificultades que atopa a poboación maior de Santiago no seu día a día. Nese documento recóllense tamén algunhas das medidas que pode implantar o Goberno local para facer de Compostela unha cidade máis amigable coas persoas maiores.

Tal e como sinalou a edila, "o Goberno ten como un dos seus obxectivos que Santiago sexa unha cidade inclusiva e amigable coas persoas maiores, onde se deseñen os seus programas e servizos para que todas as persoas, independentemente das súas idades, habilidades e capacidades, gocen de boa saúde e vivan con seguridade participando activamente en todos os ámbitos da vida social".

Grupos focais
A diagnose foi elaborada con persoas maiores que participaron en grupos focais e que avaliaron as nove áreas que propón o Protocolo de Vancouver, que tamén require a rede de cidades amigables coas persoas maiores. Tratábase de coñecer as vantaxes e barreiras que para a poboación maior presentan os espazos ao aire libre e edificios, transporte, vivenda, respecto e inclusión social, participación social, comunicación e información, traballo e participación cidadá, servizos sociais e saúde e seguridade económica.

Segundo datos do Padrón Municipal a xaneiro de 2016, en Santiago residen 95.966 persoas, das cales o 53,7% son mulleres. Dese total máis do 27% da poboación ten máis de 60 anos e máis da metade (o 58,6%) son mulleres. Ademais nun 15% dos fogares de Santiago (5.907) todas as persoas teñen máis de 65 anos e un 18,8% das persoas de máis de 65 (4.581) viven soas.

De forma xeral, percíbese unha clara liña divisoria entre a poboación maior que vive no medio rural e a que vive na zona urbana á hora de explicar o que significa para elas vivir en Santiago de Compostela. Por iso, indicou Concha Fernández, "un dos obxectivos deste Goberno pasa por reequilibrar territorialmente o municipio investindo no noso rural máis do dobre de orzamento do que se viña facendo ata o de agora e achegando recursos municipais aos veciños e veciñas do rural". A edila lembrou que o Concello vén de editar un catálogo municipal de prestacións sociais que se presentou por todas as parroquias para que as persoas maiores poidan acceder a eses recursos de maneira máis sinxela.

Principais conclusións
As persoas maiores de Compostela demandan maior accesibilidade nalgunhas rúas de Compostela e o rebaixe dos bordos das beirarrúas nos pasos de peóns, "un traballo no que se está a facer un importante esforzo". Tamén demandan maior mantemento de rúas e beirarrúas, "unha situación que mudará co novo gran contrato de mantemento que o Concello ten sobre a mesa e que supón investir máis de 5 millóns e medio de euros", lembrou a concelleira.

Tamén demandan maior seguridade nas zonas rurais afectadas pola N-550, onde perciben perigo ao cruzar soas pola estrada. Ademais, cualifican positivamente as zonas verdes de Compostela, solicitando que en barrios coma o do Castiñeiriño se instalen máis espazos deste tipo e se coloquen bancos.

En canto ás vivendas, aquelas que son unifamiliares de dobre planta implican graves dificultades para as persoas maiores con mobilidade reducida ou en situación de dependencia. Demandan tamén a instalación de ascensores nas construcións máis antigas e axudas para o seu mantemento. Nese sentido, Concha Fernández recordou que "existen axudas municipais e estatais para a instalación de elevadores no termo municipal".

No relativo á comunicación e información, as persoas maiores infórmanse a través da prensa escrita e a radio, esta última de xeito destacado no ámbito rural. A información nos centros socioculturais, o boca a boca e as marquesiñas da parada dos buses son outras formas de informarse, observándose unha fenda dixital que é máis aguda no rural.

O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) é un dos máis demandados e goza dunha valoración positiva, aínda que tamén se sinala que as horas concedidas son insuficientes para as persoas maiores dependentes. A nivel económico critican a situación das pensións, case conxeladas, con subas mínimas por debaixo do incremento do custo dos bens de consumo. Algunhas persoas maiores sinalan dificultades para facer fronte a gastos imprevistos, sobre todo no que ten que ver coa pobreza enerxética.

Liñas estratéxicas
O estudo propón na súa parte final unha serie de obxectivos para continuar a facer de Compostela unha cidade amigable coas persoas maiores. No eido do transporte estase a traballar na redefinición do servizo de transporte colectivo e informar sobre o seu uso e seguridade das persoas viaxeiras. Tamén se queren fomentar os desprazamentos en taxi para persoas maiores con problemas de transporte, tal e como xa se fixo na convocatoria municipal deste ano de axudas para o uso de taxi –aínda pendente de resolución-, a cal por primeira vez incluíu como destinatarias as persoas de máis de 65 anos que viven no rural de Compostela.

No que ten que ver coa vivenda, "seguirase na liña de facilitar a accesibilidade favorecendo o acceso á vivenda e impulsando novos sistemas residenciais alternativos". Tamén se busca o reforzo dos valores de respecto e bo trato ás persoas maiores, fortalecendo as redes comunitarias e a rede de centros cívicos como lugares de encontro, sobre todo no rural.

A nivel de participación social, favorecerase a participación das persoas maiores na actividade cultural do Concello potenciando os programas de lecer e envellecemento activo dende unha perspectiva interxeracional. Continuarase tamén o traballo iniciado hai uns meses de achegamento dos recursos sociais comunitarios ás persoas maiores, mellorando as canles de información e comunicación municipal, "para que sexa o Concello quen se achegue de forma activa a estas persoas e non ao revés", dixo a concelleira.

Tamén no eido dos servizos sociais e de saúde o obxectivo pasa por potenciar recursos que favorezan a permanencia de persoas maiores no seu fogar, promocionando programas como o Servizo de Axuda no Fogar ou a Teleasistencia, que gozan de boa acollida entre a poboación maior de 60 anos. Nesa liñá é fundamental fortalecer os recursos dirixidos a aquelas persoas en situación de vulnerabilidade.

Finalmente e en relación cos espazos verdes "queremos continuar coa liña iniciada nos últimos anos de promoción do ocio saudable e as sendas verdes, continuando coa humanización das rúas compostelás e mellorando a seguridade peonil das persoas maiores", concluíu Concha Fernández.

Compartir: