XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local aproba o proxecto de rehabilitación do futuro centro cívico da cidade histórica

20/07/2018 A Xunta de Goberno aprobou hoxe o proxecto de rehabilitación do local da praza de Salvador Parga que se vai converter no futuro centro cívico da cidade histórica. As obras terán un orzamento máximo de licitación dalgo máis de 280.000 euros e un prazo de execución de tres meses.

O alcalde, Martiño Noriega, explicou que o obxectivo do Goberno é "dotar á veciñanza da zona vella dun espazo que sexa acaído para o uso sociocultural". Para iso, rehabilitarase o local que ocupa a parte baixa do nº 4-5 da praza de Salvador Parga, que albergaba a antiga biblioteca da cidade histórica. O proxecto aprobado hoxe permitirá que o local conte cunha zona de recepción, oficinas, aseos, sala de lectura, aulas polivalentes e sala multiúsos. Tamén se prevé o acondicionamento do xardín posterior do inmoble e a construción dunha pequena rampla que comunicará co xardín do Pazo de Amarante.

Convocatoria de axudas
A Xunta de Goberno de hoxe tamén aprobou as bases das convocatorias de subvencións de varios departamentos. Así, recibiron luz verde a convocatoria de axudas ás asociacións veciñais, cun orzamento total de 100.000 euros; a de axudas para a mellora e innovación do comercio local, ás que se destinan 40.000 euros; e as de subvencións para o fomento de programas e actividades en prol da igualdade efectiva entre homes e mulleres e das persoas do colectivo LGTBQI e de prevención das violencias machistas, cun orzamento total de 30.000 euros.

Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se acordou interpoñer un recurso contencioso administrativo contra a resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia no recurso interposto por Esproade SL contra a decisión de excluíla no proceso de adxudicación do servizo de dirección pedagóxica e docencia da Escola Municipal de Música. O alcalde avanzou que a mesa de contratación reunirase a próxima semana para dar conta tamén desa resolución.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: