XUNTA DE GOBERNO

Adxudicados tres proxectos dos Orzamentos Participativos "Compostela Decide" de 2017

20/07/2018 A Xunta de Goberno adxudicou hoxe tres dos proxectos que resultaron seleccionados no proceso de Orzamentos Participativos de Compostela Decide de 2017. Foron, en concreto, as obras de accesibilidade en Fontiñas e a modernización das instalacións de iluminación nos pavillóns deportivos de Vite e Fontiñas. As tres actuacións suporán un investimento total de case 120.000 euros.

A Xunta de Goberno adxudicou á empresa Joscon o contrato de execución das obras de accesibilidade en Fontiñas, ás que se destinarán case 60.000 euros. O proxecto aféctalle á rúa Dublín, e desenvolverase en dous tramos. No primeiro, próximo á rúa Londres, reducirase o ancho actual dos carrís de circulación, elevaranse os pasos de peóns, e melloraranse o pavimento e as beirarrúas. No segundo tramo, próximo á rúa de Costa do Vieiro, daráselle á calzada un trazado máis sinuoso para calmar o tráfico do pavillón deportivo, elevarase o paso de peóns, e melloraranse os pavimentos. Tamén está previsto que se reduza o límite da velocidade permitida a 30 quilómetros/hora.

Tamén a partir do proceso de Orzamentos Participativos Compostela Decide de 2017, hoxe quedaron adxudicados cadanseu proxecto para modernizar as instalacións de iluminación nos pavillóns deportivos de Vite e Fontiñas. No primeiro deles investiranse algo máis de 21.000 euros, e no segundo preto de 19.000. As dúas actuacións correrán a cargo de Ferrovial.

Accesos ao Palacio de Congresos
A Xunta de Goberno tamén adxudicou hoxe as obras de rexeneración do pavimento da calzada nos viarios de acceso ao Palacio de Congresos e Exposicións. A actuación, que lle afecta ás rúas Miguel Ferro Caaveiro e Fernando Casas Novoa, custará algo máis de 180.000 euros, e será executada pola empresa Francisco Gómez y CIA.

As obras, cun prazo de execución de tres meses, permitirán renovar por completo o firme do viario. Tamén se acometerán reparacións puntuais nas beirarrúas e mellorarase a accesibilidade nos pasos de peóns existentes.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: