PLENO

Santiago insta ao Concello de Teo e á Xunta a evitar a instalación da planta de residuos da Casalonga

19/07/2018 O Pleno da Corporación aprobou hoxe unha declaración institucional na que mostra o seu apoio á Plataforma Casalonga Limpa de Residuos e insta ao Concello de Teo e á Xunta a adoptar as medidas necesarias para evitar a instalación dunha planta de reciclaxe de residuos neste lugar do municipio de Teo. Ao tempo, o Concello de Santiago expresa a súa preocupación polos efectos medioambientais e o impacto na poboación que puidera ter ese proxecto.

Na declaración institucional aprobada hoxe, o Pleno da Corporación tamén reclama que se impulsen os cambios lexislativos que sexan necesarios para que outras zonas residenciais de Galicia non se vexan afectadas por proxectos semellantes ao da Casalonga. No caso deste núcleo de Teo, a empresa Toysal pretende construír unha planta de residuos a tan só 230 metros dalgunhas casas e preto de colexios, centros de saúde e dun rico patrimonio.

O texto pactado por todos os grupos da Corporación foi votado nunha sesión na que participou José Antonio Ferreira Lence, en representación da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos. Segundo explicou, "o proxecto de Toysal afectaríalle a unha canteira que xa está en proceso de restitución, cunha lagoa que está reflorecendo e nun espazo con moita fauna". Tamén incidiu en que "a planta de reciclaxe tería efectos nocivos na calidade das augas e do aire, incrementaría notablemente o tránsito de camións pesados e prexudicaría ao conxunto da veciñanza de concellos como Santiago, Pontecesures ou Valga".

Educación social
O Pleno da Corporación tamén aprobou outra declaración institucional para instar á Xunta de Galicia á regularización da profesión da Educación Social a través dunha Lei Galega de Profesionalización da Educación Social. O texto tamén insta á Presidencia do Goberno de España a desenvolver unha Lei Estatal de Regularización da Profesión da Educación Social.

Na sesión participou a vicepresidenta do Colexio Oficial de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, Natalia Domínguez, que reivindicou que "as educadoras e educadores sociais teñen un papel fundamental, xa que a súa intervención garante dereitos básicos para a cidadanía como a igualdade e a xustiza social". Ademais, lembrou que a profesión "está recoñecida cuns estudos universitarios e cun colexio profesional, pero a falta de regularización fai que con frecuencia se asignen a outro tipo de profesionais do ámbito social funcións propias das educadoras sociais".

No pleno de hoxe tamén interveu Tamara Iyas Morales Orozco, en representación da Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento e en relación á moción presentada por Compostela Aberta para condenar a violencia e defender os dereitos humanos en Nicaragua.

Outras mocións No Pleno de hoxe tamén se aprobaron dúas mocións de Compostela Aberta, unha delas relativa á ratificación do tratado para a prohibición das armas nucleares, e outra para reclamar o incremento da dotación orzamentaria da Lei de Benestar Animal.
Ademais, aprobáronse por unanimidade unha moción do PP para poñer en marcha medidas que melloren a sguridade dos muros de contención no barrio de Fontiñas, e outra do BNG para mellorar os accesos, a sinalización e a divulgación do petróglifo do Castriño de Conxo. Por último, sairon adiante a moción do PSOE para implantar paradas de autobús antiacoso, e a do BNG para declarar persoas non gratas aos homes integrantes da "Manada".

Compartir: