PLENO

O Pleno aproba retirar as condecoracións recibidas por nove ministros da ditadura franquista

19/07/2018 O Pleno da Corporación aprobou hoxe a entrega dos títulos, honras e condecoracións do Concello de Santiago a diferentes persoas e entidades vinculadas coa cidade, así como o inicio do procedemento para a retirada das condecoracións recibidas no seu día por nove ministros da ditadura franquista. A proposta, que contou cos votos favorables de Compostela Aberta, PSOE e BNG e a abstención do PP, tamén incluíu a designación de seis rúas da cidade cos nomes doutras tantas mulleres, e as denominacións do parque de Fontiñas co nome de Begoña Caamaño, dunha rúa ou praza do Castiñeiriño co nome de Vivencio Freire e da rúa coñecida como Costa do Vedor sen saída co nome de Pablo Leis.

O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, explicou que "o Goberno local quixo axilizar a presentación da proposta co obxectivo de que o acto de entrega das distincións se poida celebrar antes de que remate o ano". Ademais, mostrouse convencido de que "todas as entidades e persoas que figuran no listado aprobado hoxe son sobradamente coñecidas e merecedoras da distinción". O edil salientou o nomeamento de Ánxel Casal como Alcalde de Honra de Santiago, "unha proposta de xustiza, reparadora para a figura do alcalde compostelán que defendeu coa súa vida a legalidade republicana".

Ademais, a proposta aprobada hoxe designa Fillo Adoptivo de Compostela a Federico García Lorca, Filla Adoptiva a Begoña Caamaño, Fillos Predilectos a Ramón Castromil e Bibiano Morón e Benedicto García Villar, membros de Voces Ceibes; e Filla Predilecta a Xohana Torres. Ademais, acórdase conceder a Medalla de Ouro da cidade á Asociación Cantigas e Agarimos, con mención especial ás agrupacións folclóricas Brincadeira, Colexiata de Sar e Ultreia; e a José Otero Pombo. Tamén se aprobou a denominación de Espazo Educativo e de Lecer "María Miramontes" ao edificio onde estará ubicada a Ludoteca das Fontiñas.

Cargos franquistas e novas rúas
O Pleno da Corporación tamén acordou iniciar o procedemento para a retirada dos títulos, honras e condecoracións recibidas no seu día, en plena Ditadura, a nove ministros franquistas: José Solís Ruíz, Pedro Nieto Antúnez, Román Garicaño Goñi, Gonzalo Fernández de laMora, Federico Silva Muñoz, Manuel Lora Tamayo, Adolfo Díaz Ambrona, José Antonio Girón de Velasco e Laureano López Rodó. O concelleiro de Educación e Cidadanía sinalou que "a retirada destas distincións significa darlle cumprimento á Lei de Memoria Histórica".

A proposta do BNG, o Pleno tamén acordou hoxe incluír como nomes de rúas os de Rosa Bassave, Concha Castroviejo, Elena Marcu, María Tobío, Mari Luz Morales, Pepa Noia e as nais da Praza de Maio. Por último, e a proposta de Alcaldía, acordouse denominar Pablo Leis Antelo a rúa coñecida como Costa do Vedor sen saída, actualmente sen nome; denominar Vivencio Freire unha rúa ou praza da zona do Castiñeiriño; e denominar co nome de Begoña Caamaño o parque das Fontiñas.

Ordenanzas de terrazas e ruídos
O Pleno da Corporación tamén aprobou hoxe, nunha sesión extraordinaria, a modificación da Ordenanza reguladora de terrazas e quioscos de hostalería. A proposta contou cos votos a favor de Compostela Aberta, a abstención de PSOE e BNG e a oposición do PP. A modificación busca mellorar a seguridade xurídica nas terrazas interiores, limita o prazo das autorizacións das terrazas con pechamentos estables e reduce a posibilidade de que estas instalacións ocupen espazo público máis alá da fachada do local ao que pertencen.

Ademais, recibiu luz verde a modificación da Ordenanza municipal reguladora da emisión e recepción de ruídos, vibracións e condicións dos locais. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, incidiu en que o obxectivo prioritario da modificación é "favorecer a música ao vivo nos locais de hostalería, porque forma parte da identidade cultural de Santiago". Neste caso, a modificación normativa contou cos votos a favor de Compostela Aberta e o BNG, a oposición do PP e a abstención do PSOE.

Compartir: