DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Ábrese o prazo de inscrición de proxectos para participar na IV Maker Faire Galicia

20/06/2018 Marta Lois, concelleira de Desenvolvemento Económico e Turismo; Berta Álvarez-Buylla, responsable do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, e Matilde Rodríguez Domínguez, co-organizadora da Galicia Maker Faire presentaron a IV edición do evento, que se celebrará no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura do 23 ao 25 de novembro.

A Maker Faire é a maior feira de inventores do mundo, un escaparate para a creatividade e o enxeño, pensado para tódolos públicos e disciplinas: gastronomía, robótica, mecánica, ciencia, arte urbana, música, electrónica, artesanía, etc. Un lugar para compartir coñecemento, descubrir proxectos fascinantes e facer contactos profesionais.

Durante as edicións de 2015, 2016 e 2017 acudiron máis de 30.000 asistentes e ao redor de 500 makers expuxeron os seus proxectos, converténdose en punto de encontro dos mellores creadores da comunidade e de fóra, axudando a potenciar unha Galicia máis innovadora e colaborativa. Este ano, o evento celebra a súa cuarta edición, consolidándose como a máis importante da Península, tanto en número de makers como de asistentes, e situándose entre as cinco con máis visitantes de Europa, despois de cidades como Roma e París.

Para esta edición de 2018 repítese a fórmula do ano pasado. O venres celebrarase unha xornada enfocada exclusivamente ao sector profesional da industria 4.0 e movemento maker, favorecendo así que os expositores poidan dirixir dun modo máis óptimo a súa oferta de produtos e servizos, diversificándose en función do diferente público obxectivo. E a fin de semana manterase para o público xeral, cunha programación para todos os públicos que contará con obradoiros, charlas, actuacións ou campionatos, entre outras moitas mais actividades programadas e que buscan sorprender ao público.

Para esta edición, a organización volve apostar tamén pola internacionalidade do evento, con poñentes e expositores de referencia, entre os que destacan como primeiro confirmado o deseñador francés Gael Langevin, de InMoov, creador do primeiro robot humanoide de código aberto.

Dende hoxe está dispoñible na súa páxina web o formulario de inscrición de proxectos tanto para a xornada profesional como para a xornada xeral. O prazo remata o 15 de outubro. Entre as propostas achegadas farase unha selección final que se incluirá no programa de actividades e contidos desta edición de 2018. Os aspectos que máis se valorarán á hora de elixir os proxectos finais son a innovación, a orixinalidade e a interactividade co público.

Durante o evento o público poderá votar aos mellores proxectos seleccionados. As categorías premiadas serán as de Maker, Minimaker (proxectos realizados por nenas e nenos menores de 12 anos), Maker Senior (para creadoras e creadores maiores de 60 anos) e proxectos de divulgación (colexios, institutos, asociacións, universidades, FPs, etc). A xornada profesional do venres contará cun xurado especializado que outorgará os premios aos proxectos mais innovadores presentados ese día.

Direccións relacionadas



Compartir: