DEPORTE

Santiago será sede da Supercopa Endesa 2018

08/06/2018 O vindeiro xoves 14 de xuño asinarase o acordo para a celebración da Supercopa Endesa 2018 en Santiago de Compostela. Monbus Obradoiro (anfitrión), FC Barcelona Lassa (campión da Copa do Rei), Real Madrid (campión da Euroliga) e Kirolbet Baskonia (clasificado a través da Liga Endesa) competirán polo título no torneo inaugural da próxima temporada 2018-19

O Concello de Santiago de Compostela acollerá este próximo xoves 14 de xuño (12:00 h) a firma do contrato para a celebración da próxima edición da Supercopa Endesa, tras o acordo ao que chegaron a ACB e o Concello. Así, o Fontes do Sar acollerá o torneo que decidirá o primeiro título oficial da temporada 2018-19.

A sinatura do acordo se realizarase no Concello de Santiago coa presenza de Martiño Noriega, alcalde da cidade; José Miguel Calleja, director xeral da ACB; Valentín González Formoso, presidente da Deputación Provincial da Coruña; Miguel Temboury, director xeral territorial Zona Noreste de Endesa; Raúl López, presidente do Monbus Obradoiro, e Noa Morales, concelleira de Deporte de Santiago.

Ao fío tamén deste anuncio, a Xunta de Goberno aprobou este venres o convenio de colaboración coa Deputación da Coruña para financiar esta Supercopa. A alcaldesa en funcións, María Rozas, explicou que o acordo aprobado hoxe contempla que "a Deputación da Coruña achegará 121.000 euros ao financiamento do patrocinio da competición, unha cantidade idéntica á que financiará o Concello de Santiago". Precisamente hoxe, o Pleno da Deputación da Coruña aprobou unha modificación do seu orzamento para facer fronte á súa parte do convenio.

María Rozas salientou a importancia de que a Supercopa se celebre en Santiago "porque porá a capital galega no foco do mundo do deporte, e porque completará un outono cheo de citas de interese no ámbito deportivo, como o Mundial de Xadrez ou o Día do Deporte".

Monbus Obradoiro, FC Barcelona Lassa, Real Madrid e Kirolbet Baskonia
A Supercopa Endesa de Santiago de Compostela 2018 disputarase entre o 21 e o 22 setembro, datas supeditadas á confirmación por parte da Asemblea Xeral ACB.

Ademais, a nómina de participantes xa está completa. Son os seguintes: Monbus Obradoiro, en condición de anfitrión; FC Barcelona Lassa, como campión da Copa do Rei Gran Canaria 2018; Real Madrid, como campión da Euroliga 2017-18, e Kirolbet Baskonia, que está disputando as semifinais da Liga Endesa.

A praza que quedaba vacante para disputar a Supercopa Endesa 2018 correspóndelle ao campión da Liga Endesa. Se este fora un de los equipos xa clasificados para a Supercopa Endesa, ocuparíaa o subcampión. E se este tamén tivera xa praza, a vacante ocuparíaa o mellor clasificado da liga regular. Dado que a final só a poden disputar xa Real Madrid, FC Barcelona Lassa e Kirolbet Baskonia, e os dous primeiros teñen praza asegurada, o conxunto baskonista ve garantida así a súa participación no torneo como campión, subcampión da Liga Endesa o mellor clasificado da liga regular (foi segundo, por detrás do Real Madrid).

Compartir: