ALCALDÍA

A segunda edición da SELIC encherá a Quintana de actividades arredor do libro do 1 ao 10 de xuño

25/05/2018 Máis dunha trintena de expositores, entre editoras, librarías e institucións tomarán parte na segunda Semana do Libro de Compostela (SELIC), que se desenvolverá na praza da Quintana do venres 1 ao domingo 10 de xuño. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presentou esta mañá o programa de actividades nunha rolda de prensa que compartiu coa concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e con Carlos Valdés, membro da editora Irmás Cartoné e un dos representantes da Mesa do Libro de Compostela.

O alcalde puxo en valor a intensa e constante colaboración entre a Mesa e o Concello para artellar esta segunda edición da feira, "un modelo que funcionou con éxito o ano pasado porque é o resultado das demandas do sector e foi deseñado para atendelas". Martiño Noriega incidiu tamén en que a SELIC "é unha gran aposta do Goberno, que xorde do convencemento de que é preciso reivindicar a Compostela Literaria e aproveitar o seu enorme potencial".

Tamén Branca Novoneyra insistiu na importancia capital deste traballo conxunto entre o Concello e a Mesa do Libro para confeccionar esta nova edición que celebra a creación poética, a pegada literaria de María Victoria Moreno e os vencellos coa contorna lusófona. Pola súa banda, Carlos Valdés, de Irmás Cartoné, asegurou que "a Mesa do Libro está orgullosa da SELIC, estamos convencidos de que é o camiño para que Santiago se converta na capital do libro de Galicia".

A SELIC repite emprazamento na praza da Quintana e reduce lixeiramente os horarios de apertura da edición anterior. Este ano, a carpa estará aberta de luns a venres en horario tarde, de 17:00 a 21:00 h, e os sábados e domingos abrirá ás 11:00 h para non pechar até ás 21:00 h. Ademais, co gallo de dar abeiro ás numerosas actividades previstas, a programación esténdese a outros espazos e prolóngase no tempo os venres e sábados tralo peche da carpa.

Presentacións e sinaturas de libros
A programación da segunda edición da SELIC garda lugar para a presentación e sinatura de numerosas publicacións recentes entre as que se contan moitos poemarios. Así, Marga Tojo estará a presentar o seu libro Cara de velocidade; Carlos Negro fará o propio con Tundra; Eli Ríos con Culpables, e Teresa Moure con Não tenho culpa de viver, no que traduce ao galego os poemas de Ana Brouwer. Ademais, o escritor e xornalista Daniel Salgado e o poeta Ismael Ramos conversarán sobre os seus últimos libros, O gran rexeitamento/Flores para Albert Ayler e Lumes, polo que Ramos vén de recibir o premio á mellor edición na Gala do Libro Galego 2018.

A SELIC contará tamén coa presenza do poeta Antonio Gamoneda. O gañador do Premio Cervantes visita Compostela para descubrir en Fonseca un novo chanzo do Xardín das Pedras que Falan. O venres 8 manterá na carpa un encontro co público que será conducido por Claudio Rodríguez Fer.

Póvoa de Varzim e os vencellos coa lusofonía
Póvoa de Varzim será a cidade convidada desta SELIC, que celebra o vínculo coa contorna lusófona. O domingo, día 3, a feira contará coa presenza de Dulce María Cardoso, unha das voces literarias máis importantes do país veciño, gañadora, entre outros, do Premio da Unión Europea para a Literatura e nomeada Cabaleira da Orde das Artes e as Letras de Francia. Ese mesmo día, a Cámara Municipal da localidade lusa ofrecerá unha mostra das súas danzas tradicionais coas Rusgas de Póvoa no exterior da carpa. Ademais, o luns 4, o escritor e profesor de literatura lusófona da USC, Carlos Quiroga, conducirá unha sesión arredor do festival literario Correntes d’Escritas, un espazo para o encontro das literaturas e as linguas que se celebra cada febreiro en Póvoa, Na sesión conversará con Manuela Ribeiro, organizadora deste festival e directora da revista literaria que toma o seu nome. O martes, día 5, a SELIC ofrecerá un recital musico-poético da man de Aurelino e Carlos Costa e o mércores, día 6, acollerá un debate sobre os nexos e fronteiras entre as literaturas galega e portuguesa no que tomarán parte Suso de Toro e Teresa Moure.

Paseos literarios
A segunda edición da feira inclúe unha serie de paseos literarios que procuran homenaxear a obra de autoras e autores galegos e a pegada da nosa cidade na literatura e que contan coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores da Lingua Galega e outras entidades como a Asociación Cultural O Galo.

O primeiro deles arrancará o venres 1, ás 19:30 h, da Casa da Troia, para percorrer as rúas do casco vello até chegar á praza da Quintana. O segundo, o sábado 2, percorrerá os espazos dos afectos e feitos do poeta Salvador García-Bodaño. O xoves 7 é quenda para revisar a ruta de Fermín Bouza Brey en Compostela despois de ser expulsado da xudicatura a primeiros dos anos cincuenta. O sábado 9, Carlos Callón conducirá os/as paseantes por unha revisión da homosexualidade en Compostela no medievo e, o domingo 10, un paseo poético percorrerá as rúas da zona vella.

OFF SELIC
Os venres e sábados, a programación da SELIC esténdese tras o peche da carpa, que se converte, a partir das 21:30 h, en pano de fondo para diversas actuacións que empregarán as escaleiras da Quintana como auditorio. Este programa adicional encétase o venres día 1, cunha contada de Quico Cadaval que xorde por iniciativa do Departamento de Lingua do Concello de Santiago. O sábado 2, grazas a unha iniciativa da libraría Numax, o público poderá asistir á escenificación poético-musical do libro Matar a Platón, de Chantal Maillard. A autora asumirá a interpretación deste texto, que musicarán Chefa Alonso e Jorge Frías. O venres 8 será quenda para o recital arredor dos poemas de El jardín de atrás – Bakgarðurinn, de Elias Knörr, que foron traducidos ao galego en O marinheiro con cabalos matutinos baixo o vestido. E xa o sábado, día 9 a Escola de Música Popular e Avanzada (EMPA) de aCentral Folque ofrecerá un concerto de música tradicional e folk contemporáneo por conta do alumnado e o profesorado do centro.

Actividades infantís
Tal e como aconteceu na primeira edición, a SELIC 2018 presta especial atención ao público e á literatura infantil e xuvenil. Haberá numerosas actividades de balde, con presentacións e sinaturas diversas e tamén con obradoiros creativos, xogos, contacontos, paseos narrativos, cantigas e brincadeiras que serán coordinados e animados por Xandobela. Ente elas, destacan as que teñen como centro a figura de María Victoria Moreno. O domingo 3, Xandobela conducirá un paseo narrativo, lúdico e creativo a través das historias que a autora nos deixou no seu libro Mar adiante, e o sábado 9, a poeta Eli Ríos guiará á rapazada pola vida e obra da autora.

Publicacións
Finalmente, entre as actividades da SELIC 2018 cómpre mencionar de novo a publicación de libros. Nesta segunda edición da feira editaranse seis novos volumes. Cinco deles reúnen relatos escritos até principios do século XX e traducidos á nosa lingua por Pepe Sendón, nos que toparemos historias de Guy de Maupassant, Chekhov, Poe, Apollinaire, Kafka ou Proust, entre outros. O sexto volume, baixo o título Contos composteláns, comporase dun feixe de relatos de Ramón Caride Ogando, Salvador García-Bodaño, Marilar Aleixandre, Miguel Anxo Murado, Gonzalo Navaza e Helena Villar Janeiro, que se desenvolven nas rúas de Santiago.

Grazas á colaboración coa Radio Galega, todos os libros contarán cunha versión sonora que poderá ser descargada na web da SELIC.

Direccións relacionadas



Compartir: