DEPORTE

A II Festa do Deporte celebrarase o 28 e o 29 de setembro e incluirá os centros educativos

24/05/2018 A concelleira de Deporte, Noa Morales, deu conta esta mañá dos detalles da segunda edición da Festa do Deporte, que terá lugar no vindeiro mes de setembro, concretamente os días 28 e 29. "O cambio de data -explicou a edila- responde á petición dos propios clubs e á necesidade de adaptarnos ao calendario escolar para incluír nesta edición os centros educativos".

A primeira edición deste evento, celebrada o ano pasado o sábado 17 de xuño, resultou ser un éxito de público grazas á participación de máis de 50 entidades e 47 disciplinas deportivas que "de forma xenerosa, saíron ás prazas e parques para amosar o traballo que fixeron durante todo o ano".

Nesta nova Festa do Deporte concentrarase a localización no Parque de Galeras e nas instalacións deportivas de Santa Isabel, para facilitar que a veciñanza poida achegarse a coñecer e practicar calquera deporte dos que estarán a disposición de todos e todas. "Sabemos que o éxito da primeira edición debeuse ao esforzo que amosaron as entidades participantes e desexamos que a Festa do deporte 2018 contaxie a mesma ilusión", indicou Noa Morales.

Dúas xornadas
Tras unha primeira edición dunha única xornada de mañá e tarde, desta vez o evento deportivo celebrarase en dous días, o 28 e o 29 de setembro. Así, o venres 28 de setembro convidarase os centros educativos do concello a participar das diferentes actividades, facendo da Festa do Deporte un escaparate das variadas disciplinas e unha ferramenta que impulse as inscricións de novos deportistas nas entidades participantes.

Xa o sábado pola mañá, o protagonismo será das entidades, que recibirán o convite para mostrar a súa actividade a través de exhibicións, poñendo especial foco nas master class que permitan que os e as asistentes poidan probar e poñer en práctica a modalidade que máis lle interese.

Na primeira edición participaron 53 entidades e houbo preto de 60 modalidades deportivas. Ademais, a pesar das altas temperaturas, achegáronse a este evento ao redor de 1.400 persoas de todas as idades.

Difusión
O evento contará coa súa propia imaxe e a súa páxina web, ademais de diferentes canles de difusión para facer chegar toda a información ao maior número de usuarios e usuarias (Facebook, Twitter, Instagram e YouTube). Estas redes funcionarán, non soamente como canle divulgativa da propia festa, senón tamén como escaparate do deporte e do traballo que veñen desempeñando moitas entidades compostelás.

Prestarase tamén especial atención á difusión offline, achegando a colexios, centros cívicos e diversos puntos de interese da cidade toda a información deste acontecemento. Tamén se porá o foco na implicación das entidades nesta acción, de maneira que poidamos contar coa asistencia dos seus asociados e asociadas. As dúbidas ou suxestións poderán enviarse a festadodeporte@santiagodecompostela.gal.

Nesta segunda edición contarase tamén con espazos de entretemento familiar onde a diversión e a atención aos máis pequenos e pequenas está asegurada. "Queremos chegar ao maior número de entidades e persoas posible e por iso traballaremos coa mesma ilusión que o ano pasado para converter a Festa do Deporte nun referente na nosa cidade", apuntou a concelleira.

Compartir: