XUNTA DE GOBERNO

Iniciado o proceso de adxudicación da redacción do proxecto para os accesos da intermodal

18/05/2018 A Xunta de Goberno acordou este venres iniciar o procedemento de adxudicación da redacción do proxecto de reurbanización da rúa Clara Campoamor, para adecuala á súa nova función de acceso á futura estación intermodal. O contrato terá un tipo de licitación de 121.000 euros, IVE incluído, e será financiado con cargo aos fondos FEDER do programa ReVive-Edusi Santiago.

O alcalde, Martiño Noriega, salientou que "o Concello segue cumprindo os seus deberes no relativo ao proxecto da estación intermodal, e despois de ter aprobado o pasado martes en pleno o convenio para a construción da plataforma peonil, hoxe avanzamos no acondicionamento dos accesos á infraestrutura. Temos a sensación de que se trata dunha infraestrutura lanzada e vehiculizada".

O proxecto de reurbanización da rúa Clara Campoamor deberá resolver o acceso e saída dos autobuses urbanos e interurbanos á futura estación, así como acondicionar o seu entorno para integrala nas relacións de mobilidade. O Concello tamén pretende que "o viario teña un tratamento de carácter máis urbano, que fomente o uso peonil nas súas marxes, teña en conta a mobilidade en bicicleta, e prevea unha baixa velocidade no tráfico dos vehículos", tal e como sinalou o alcalde. Ademais de iniciarse a redacción do proxecto, contratarse a dirección de obra e a coordinación de seguridade.

En canto aos prazos, o alcalde lembrou que "os accesos deberán acometerse na fase final da construción da estación de autobuses, que aínda ten que ser adxudicada definitivamente pola Xunta e executada". O rexedor lembrou que "traballamos co horizonte do vindeiro Ano Santo para ter finalizadas a estación de autobuses e a pasarela, que funcionará ademais como unha rúa cuberta da cidade".

Outros asuntos
A Xunta de Goberno aprobou hoxe tamén desestimar as alegacións da empresa Vipeca Obras y Servicios SL en relación ao contrato para a execución dun aparcadoiro na Sionlla, "que ía ter uso público e comercial e cuxa execución non quixo levar a cabo a empresa". Ademais de desestimar as alegacións, acordouse solicitar informe preceptivo ao Consello Consultivo de Galicia de cara a fixar, unha vez emitido o informe, os eventuais danos e prexuízos que poidan derivarse deste incumprimento.

Ademais acordouse autorizar a asistencia como observadores e observadoras de representantes dos grupos políticos municipais ás sesións das mesas de contratación. "A actual Lei de Contratos limita a un terzo a presenza de cargos públicos neste órgano de contratación, o que imposibilita que participen na mesma. O que facemos con isto é buscar unha fórmula que tamén usou a Deputación da Coruña para garantir a súa presenza en aras de mellorar a transparencia e o acceso a información sobre os procesos de contratación", explicou o alcalde.

Finalmente, a Xunta de Goberno deu luz verde á concesión dunha subvención de 2.500 euros para o desenvolvemento das actividades do Correlingua en Compostela. Tamén se deu conta da sinatura do convenio de colaboración entre o Concello e a USC para a tramitación do Premio de Ensaio e Creación Audiovisual "Xohana Torres".

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: