TURISMO

Turismo de Santiago acode por primeira vez ao principal evento aeronáutico de Europa

20/04/2018 A concelleira de Turismo, Marta Lois, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, anunciaron a participación da entidade municipal de promoción turística da cidade por primeira vez no Routes Online Europe, que nesta edición se celebra en Bilbao do 22 ao 24 de abril.

Routes Online Europe é o principal evento aeronáutico do continente. Neste encontro participan empresas e entidades vinculadas co desenvolvemento da conectividade Europa en Europa: compañías aéreas, xestores de aeroportos e de infraestruturas, empresas de servizos e xestores de destinos turísticos.

No evento participan máis de 1.200 delegados de empresas e entidades, máis de 100 compañías aéreas, 300 aeroportos, 50 entidades turísticas (entre as que se atopa Turismo de Santiago), e preto de 5.000 reunións previamente concertadas, que se fixan pola organización unindo os intereses de destinos e compañías.

Turismo de Santiago acode por primeira vez a este evento co obxectivo de manter reunións directas tanto con compañías que xa operan no aeroporto de Santiago como con outras compañías que son interesantes para a cidade pola novas rutas que poderían establecer.

A participación neste evento continúa na liña de traballo de Turismo de Santiago de fomento e consolidacións da conectividade aérea da cidade, especialmente cos mercados emisores internacionais máis interesantes dende o punto de vista turístico. Un dos obxectivos fundamentais é que a oferta de prazas creza durante a tempada de inverno para que se poda fomentar a desestacionalización da demanda.

Compartir: