MEDIO AMBIENTE

O CIAC programa este mes un ciclo de cinema e un obradoiro de ornitoloxía

02/04/2018 En abril, augas mil e as andoriñas xa chegaron para facer o seu niño. Para darlles a benvida, no Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) celebrarase un Obradoiro de iniciación á ornitoloxía e un roteiro interpretativo polas Brañas do Sar, tanto para adultos como para os máis pequenos. Tamén haberá un ciclo de cinema sobre loitas ambientais en Galicia.

A programación no mes de abril arrinca o sábado 7 coa primeira das tres sesións do ciclo de cinema Loitas ambientais na Galiza, que tamén terá proxeccións os sábados 14 e 21 de abril, sempre ás 18:00 horas. O ciclo está dirixido a todos os públicos e a asistencia é de balde ata completar aforo.

Queimar o monte e o título do primeiro dos documentais, cuxa proxección contará coa presenza do seu director, Emilio Fonseca. O sábado seguinte exhibirase Polas bravas e conversarase con Eva González, coordinadora de Avinza GDR-15. O ciclo pecharase o 21 de abril coa proxección de O monte é noso, de Llorenç Soler.

Charla sobre agricultura ecolóxica
O mércores 11, ás 18:00 horas, celebrarase charla titulada "Produción ecolóxica de alimentos a pequena escala seguindo o método biointensivo", realizada coa colaboración de Amigos da Terra. Esta sesión sobre agricultura ecolóxica servirá para dar a coñecer o método biointensivo, unha alternativa de produción de alimentos nun espazo o máis reducido posible, moito máis sostible e saudable, usando só ferramentas manexadas polas persoas e sementes producidas e conservadas por unha mesma. Este sistema de cultivo pode ser usado por calquera de nós ofrecendo beneficios como a redución no consumo de auga, de combustibles fósiles e de fertilizantes; ou un incremento da fertilidade do solo e do rendemento da nosa produción.

A charla será impartida por Guillermo Rodríguez Barreiro, enxeñeiro agrónomo e mestre nivel intermedio do método, e Juan M. Martínez Valdez, director de ECOPOL, asesor de Ecology Action e responsable da difusión do método en Latinoamérica e Europa. A actividade está dirixida a todos os públicos. É de balde e non é preciso inscribirse, con acceso libre ata completar aforo.

Coñecendo as aves
O sábado 21, ás 11:30 horas, o CIAC acollerá un Obradoiro de iniciación á ornitoloxía. Este taller achegará aos pequenos e pequenas da casa, pero tamén aos maiores, o mundo das aves e a súa importancia nos ambientes urbanos, aprendendo a coñecer e recoñecer aquelas especies que nos rodean na cidade de Compostela, en concreto no Parque de Belvís. Os/as participantes aprenderán aspectos básicos da ornitoloxía: como observar e identificar as aves, características principais, onde viven, como viven, que comen... e a ser conscientes de que as aves tamén xogan un papel ecolóxico vital nos ecosistemas urbanos.

O obradoiro está dirixido a todos os públicos (a partires de 8 anos). Esta actividade é de balde, pero é preciso inscribirse a través do teléfono 981 543 145 ou da dirección de correo electrónico ciac@santiagodecompostela.gal.

Roteiro polas Brañas do Sar
O seguinte sábado, 28 de abril, tamén ás 11:30 horas, partirá do CIAC o tradicional e mensual roteiro interpretativo polas Brañas do Sar. Os/as camiñantes acompañarán a auga no seu percorrido dende o Parque de Belvís ata o río Sar e as súas Brañas, coñecendo e recoñecendo os seus valores naturais e paisaxísticos, así como os seus usos tradicionais e outras curiosidades deste fermoso ecosistema húmido que temos de preservar.

O roteiro está dirixido a todos os públicos (a partires de 9 anos). Esta actividade tamén é de balde pero, como no caso do obradoiro de ornitoloxía, é preciso inscribirse.

Compartir: