ALCALDÍA E MEDIO AMBIENTE

O alumnado do Lamas de Abade e da Escola Infantil Raiola, protagonista da plantación do Día Internacional dos Bosques

22/03/2018 O Concello de Santiago celebrou hoxe o Día Internacional dos Bosques cunha plantación en Lamas de Abade, nunha finca de titularidade municipal na que meses atrás se retiraran eucaliptos polos riscos que supuñan en caso de incendio. No acto participaron o alcalde, Martiño Noriega, e os concelleiros de Medio Ambiente e de Medio Rural, Xan Duro e Rafael Peña. Pero os verdadeiros protagonistas foron os alumnos e alumnas do CEIP Lamas de Abade e da Escola Infantil Raiola.

O Concello organizou a plantación en colaboración con Ferrovial, a empresa concesionaria do mantemento dos parques e xardíns. O obxectivo da actividade era promover a concienciación e a sensibilización da poboación sobre a importancia das zonas verdes. Para realizala escolleuse unha parcela municipal situada ao carón da Escola Infantil Raiola. O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, lembrou que se trata da finca "da que o Concello retirara eucaliptos que supoñían un factor de risco en caso de incendio, sobre todo pola súa proximidade ao centro educativo".

Na parcela vanse plantar ata 254 unidades de árbores frondosas e froiteiras. En concreto haberá bidueiros, freixos, xinkgos, acivros, loureiros, cerquiños, carballos, capudres, abelairas, maceiras, cerdeiras e pereiras. Despois do acto desta mañá, nos próximos días está previsto que o alumnado doutros centros escolares de Compostela contribúa a completar a plantación.

Compartir: