ACCIÓN CULTURAL

Santiago estréase no Circuíto Galego de Teatro Escolar da man do IES Antonio Fraguas

22/02/2018 O IES Antonio Fraguas organiza o I Festival Galego de Teatro Escolar, que se celebrará o 4 de marzo e que conta coa colaboración do Concello. Con este certame, Santiago incorpórase por vez primeira ao Circuíto Galego de Teatro Escolar, que integra a municipios como A Estrada, Laxe, Muros, Ourense ou Palas de Rei.

A tenente de alcalde, María Rozas, foi a encargada de presentar o I Festival Galego de Teatro Escolar, nunha rolda de prensa na que participaron o director do IES Antonio Fraguas, Carlos Encisa, e o profesor do centro Alfonso García. A concelleira explicou que o instituto vén de poñer en marcha unha Aula de Teatro para alumnado con necesidades educativas especiais, "dende o convencemento do Goberno local de que as artes escénicas poden ser un instrumento moi eficaz para que estes rapaces e rapazas melloren a súa autoestima". María Rozas felicitou ao instituto e ao seu profesorado polo traballo que veñen desenvolvendo no campo do teatro, que "alén desta nova Aula específica, xa levou ao IES Antonio Fraguas a ser premiado en diferentes ocasións no Certame de Teatro Intercentros que organiza a Concellaría de Educación".

Roteiro e obra de teatro coral
O I Festival Galego de Teatro Escolar de Santiago celebrarase o 4 de marzo. Ás 16.00 horas está previsto un roteiro teatralizado e musical polo parque de Bonaval, no que colaborará a asociación Cantigas e Agarimos, así como toda a comunidade educativa do IES Antonio Fraguas: nais e pais, profesorado e alumnado. O profesor Alfonso García explicou que o roteiro "estará vertebrado en torno ao relato de Castelao Un ollo de vidro, e á obra de Rosalía de Castro".

Xa ás sete da tarde, no Teatro Principal representarase a obra coral Un planeta literario máxico, na que colaborarán a Aula de Teatro do IES Antonio Fraguas, o Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, a Escola Municipal de Teatro de Laxe, a Aula de Teatro do CPI de Touro e a Aula de Teatro do IES Antón Losada Diéguez da Estrada. Segundo relatou Alfonso García, "serán máis de 200 actores e actrices as que suban ao escenario, dende alumnado de Primaria ata profesorado xa xubilado". A obra que representarán "reivindicará valores como a tolerancia, o respecto e o diálogo".

Numerosas actuacións nos próximos meses
O profesor do IES Antonio Fraguas explicou que o de Santiago será o primeiro festival da temporada. A Aula de Teatro do instituto e as agrupacións dos outros centros de ensino participantes do circuíto actuarán tamén en Ourense, o 15 de marzo; Palas de Rei, o 14 de abril; A Estrada, o 29 de abril; e Laxe, o 26 de maio. Tamén está prevista unha viaxe conxunta de todo o alumnado á localidade navarra de Corella e a Francia, do 15 ao 20 de maio. Ademais, a Aula de Teatro do Antonio Fraguas ten previstas actuacións nos CEIPs de Fontiñas e Monte dos Postes, e tamén no CSC de Fontiñas, neste caso dirixida a persoas da terceira idade.

Aposta polo teatro como recurso pedagóxico
Alfonso García explicou que o IES Antonio Fraguas "aposta polo teatro como ferramenta de inclusión dos rapaces e rapazas con necesidades educativas especiais, que deste xeito poden amosar as súas moitas cualidades".

Pola súa parte, o director do instituto, Carlos Encisa, lembrou que "o centro leva fomentando o coñecemento e a práctica das artes escénicas entre o seu alumnado practicamente dende as súas orixes, hai máis de 30 anos". Nesa liña, recordou que o grupo de teatro do Antonio Fraguas, Tanto me ten, vén participando con moito éxito no Certame de Teatro Intercentros.

A rolda de prensa rematou cunha pequena actuación por parte do alumnado do IES, que fixo un chamamento á participación no I Festival Galego de Teatro Escolar de Santiago.

Compartir: