ALCALDÍA E EDUCACIÓN

Recepción ao alumnado galego, francés, alemán e polaco participante nun programa Erasmus +

20/02/2018 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, recibiu un grupo de alumnos e alumnas de tres colexios europeos -un de Varsovia (Polonia), un de Bad Nenndorf (Alemaña) e outro de Champagné (Francia)- que xunto co colexio compostelán Compañía de María participan no Proxecto COME 2016-2018 (Cooperation On Mobility in Europe), dentro do Erasmus + da Unión Europea.

O obxectivo deste Proxecto COME é o estudo das migracións dentro de Europa. Así, coa experiencia recollida búscase crear unha sociedade máis aberta en Europa, coñecéndose entre si os pobos que a compoñen.

O de Santiago é o cuarto e último encontro trasnacional desta iniciativa e pecha o traballo desenvolvido ao longo de dous cursos. O alumnado polaco, alemán e francés chegou á cidade o 16 de febreiro e marchará o día 23.

Durante a semana en Compostela os/as escolares están a abordar a peregrinación a Santiago na historia (centrada no Camiño como Primeiro Itinerario Cultural Europeo) e as migracións como un fenómeno que marcou de maneira terrible a época contemporánea de Galicia.

O pasado domingo 18, o grupo camiñou de Corcubión a Fisterra e atopouse alí cunha emigrante galega retornada e cunha inmigrante italiana que casou en Fisterra. Estudou tamén as migracións da oleada 1860-1930 e coñeceu algunhas historias de vida da emigración galega. Tamén se falou do mate, bebida moi común en Fisterra, e doutras curiosidades que definen a Galicia como unha terra de emigrantes.

Onte luns, a alumnado fixo unha visita dramatizada a Santiago, e o martes e o xoves traballará na escola en grupos transnacionais. O mércores 21, os/as escolares irán ver unha conserveira en Catoira e visitarán as bateas no Grove, para rematar en Combarro, onde estudarán a importancia da muller como pulmón desa sociedade que a finais do século XIX e principios do XX veu marchar a máis de 1.300.000 galegos a América.

Direccións relacionadas



Compartir: