ALCALDÍA

Compostela será a sede do Congreso Anual da Asociación Española de Dereito do Traballo

16/02/2018 Santiago vai acoller no próximo mes de maio o XXVIII Congreso Anual da Asociación Española de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, no 50 aniversario da entidade. A súa presidenta, María Emilia Casas, foi recibida esta mañá polo alcalde no Pazo de Raxoi.

María Emilia Casas, presidenta emérita do Tribunal Constitucional, explicoulle a Martiño Noriega a relevancia do Congreso que se vai desenvolver na Facultade de Dereito os días 31 de maio e 1 de xuño. Segundo apuntou, no evento participarán máis de 250 persoas procedentes do mundo da Universidade, a Administración laboral e a Seguridade Social, a Maxistratura, a Inspección de Traballo, os sindicatos ou as asociacións empresariais. As súas conclusións seranlle remitidas ao Ministerio de Emprego e Seguridade Social, con vistas á súa posible toma en consideración en futuras reformas lexislativas.

Está previsto que o XXVIII Congreso Anual da Asociación Española do Dereito do Traballo arranque cunha ponencia de Javier Gárate Castro, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da USC. A conferencia de clausura correrá a cargo de Santiago González Ortega, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade Pablo de Olavide de Sevilla.

Compartir: