FESTAS

A comparsa "Estrelas da noite" e a carroza "Ciklon", gañadoras do concurso do martes de Entroido

13/02/2018 Malia a choiva, Compostela botouse á rúa para acompañar o desfile do martes de Entroido 2018. Centos de persoas esparexidas polos diferentes barrios da cidade, presenciaron a ruada que partiu da avenida de Ferrol ás 17:30 horas para pór rumbo ás rúas Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, e Senra, para rematar na avenida de Xoán Carlos I. O punto de maior concentración foi a praza de Galicia, onde agardaba o xurado.

Foi a comparsa convidada "Os solfamidas", fóra de competición, a encargada de abrir a comitiva, na que tomaron parte oito carrozas, catorce comparsas e cinco grupos, amais de once parellas e oito persoas candidatas ao mellor disfrace individual.

O xurado estivo presidido nesta ocasión por Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural, e tivo como vogais a Milagros Castro, concelleira en representación do grupo municipal do PSdeG-PSOE; Marta Lois, concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo; Rubén Cela, concelleiro en representación do grupo municipal do BNG, María Antón, concelleira en representación do grupo municipal do PP; Mercedes Rosón, subdirectora da Área de Cultura da USC; José Cebey Aldrey, representante do Consello de Relacións Veciñais; e Clodio González Pérez, representante do Museo do Pobo Galego. A secretaría do xurado integrárona Montse Cillero e Ana Rello, traballadoras da Concellaría de Acción Cultural.

Escolleron como mellor carroza a denominada "Ciklon", de Tomiño, integrada por 29 participantes. Gañadora por terceiro ano consecutivo, recibiu 3.000 euros de premio. Segunda e terceira clasificada quedaron as carrozas "Fantasía e cor nunha caixiña" e "Gran Casino Luces", as dúas tamén de Tomiño, que levaron, respectivamente, 2.000 e 1.000 euros.

Na categoría de comparsas, a gañadora foi a tomiñesa "Estrelas da noite", que recibiu 2.400 euros polo primeiro premio. "A Rueirada" de Muros e "Fantasía dun pavo real" de Tomiño, quedaron en segundo e terceiro lugar, levando 2.000 e 1.000 euros, respectivamente.

Tamén recibiron premios especiais as mellores comparsas dos barrios e parroquias de Santiago de Compostela, que se fixeron con 1.200, 600 e 400 euros como agasallo . As triunfadoras foron "Feitizo dos Armatroulas" "Conxowoods, as xentes do bosque "e "Ata que chegou a velutina".

O xurado elixiu a "Ratatouille, os ratos larpeiros", "Que ben vivía a nosa abella!" e "Peter Pan e os seus amigos" como os mellores grupos caracterizados. Para eles foron os premios de 800, 400 e 200 euros.

A parella máis orixinal foi a denominada "Os ogros", que recibiu un premio de 400 euros. Finalmente, os mellores disfraces individuais foron "O rato na rateira", "Dino sobre rodas" e "O tío Norio á luz da farola coa cunca de viño", premiados con 300, 200 e 100 euros, respectivamente.

A entrega de premios celebrouse na Sala Capitol, onde a música correu a cargo do grupo O Sonoro Maxín.

Participación veciñal
Cómpre destacar tamén a participación veciñal, cunhas 300 persoas procedentes dos barrios e parroquias de Compostela, que desfilaron fóra de concurso. Coordinados/as polos centros cívicos, pequenos/as e maiores conformaron a comparsa "CompOlimpiadas".

Cada barrio ou parroquia escolleu para a ocasión unha disciplina olímpica: poragüismo (Santa Marta), ximnasia rítmica (Vite), esquí (Ensanche), boxeo (San Lourenzo, Pontepedriña, Sar e Cardeal Quiroga Palacios), halterofilia (Amio, As Cancelas, Casco Histórico e A Almáciga), natación sincronizada (Marantes e Grixoa), tenis (A Gracia e A Peregrina), hípica (Nemenzo, Bando, Busto e Lavacolla), bobsleigh (Figueiras) e esgrima (Villestro).

Compartir: