PLENO MUNICIPAL

Aprobados os orzamentos do 2018, que ascenden a 110 millóns de euros e apostan polo investimento nos barrios

17/01/2018 O Pleno da corporación vén de dar luz verde, en sesión ordinaria, aos orzamentos de 2018 que ascenden a 110 millóns de euros, Os máis elevados da década. As contas foron aprobadas de forma inicial co voto favorable de Compostela Aberta, as abstencións de PSOE e BNG e o voto en contra do Partido Popular.

María Rozas destacou na súa intervención que "estamos ante uns orzamentos expansivos, froito do esforzo feito en captación de fondos e coa mira posta na consolidación das políticas públicas e liñas estratéxicas que levamos facendo dende o 2015". Tamén son unhas contas que incorporan achegas presentadas polo PSOE e o BNG ao longo do proceso negociador, iniciado no pasado mes de outubro.

As contas do vindeiro ano inclúen un incremento no capítulo de gastos en todas as áreas agás na destinada ao pago de débeda bancaria "froito da boa saúde económica, e do esforzo realizado nos anos anteriores". Así, pódense destinar a servizos públicos os créditos que en anos anteriores se tiñan que gastar en pago de débedas. O capítulo de débedas (capítulo 9) redúcese un 26,73% e en xuros un 44,26%.

Catro eixos
O orzamento de 2018 ten catro eixos principais: as políticas sociais e o emprego, o mantemento e o reequilibrio territorial, as políticas de acción cultural e a "Compostela verde".

Na área de Políticas Sociais, o orzamento medra un 26% con respecto ao ano anterior, incremento relacionado coa ampliación do Servizo de Axuda no Fogar, das bolsas de comedor e actividades extraescolares ata os 600.000 euros, e coa aposta polos obradoiros de emprego destinados a mocidade. Este tipo de actividades supoñen un incremento do 60% da área de Emprego, que se achega aos 3 millóns de euros.

No documento aprobado hoxe inclúese tamén unha aposta por facer de Santiago unha cidade máis verde e sustentable. Por iso se incorporan como investimentos a reposición do alumeado público por un importe de 150.000 euros, a ampliación das illas de compostaxe por 97.000 euros ou a continuación dos programas de emprego na contorna do Sar para a ampliación das sendas verdes.

Tamén se fai unha aposta pola política cultural, co orzamento máis elevado da serie histórica e cun incremento das subvencións competitivas. Inclúese aquí un convenio co Multiúsos do Sar para a promoción de dous ou tres eventos musicais potentes ao longo do ano.

Aposta polos barrios
Este ano será o da obra pública en Compostela cunha aposta polos barrios e as parroquias do municipio. Así, increméntase o capítulo de investimentos ata o 3%, situándose nos 10.330.000 euros.

Dentro desta partida destaca a accesibilidade, a mellora das instalacións existentes ou o "Plan Vite", cunha primeira fase centrada na rúa Federico García Lorca e orzamentada en case 600.000 euros. A previsión é continuar investindo no barrio nos vindeiros anos ata chegar aos 2.260.000 euros de orzamento.

Ademais, nas contas de 2018 incorpórase un programa de mellora de accesibilidade da vivenda complementario aos existentes nas ARIS. cunha dotación orzamentaria de 200.000 euros. Esta partida permitirá complementar as axudas á instalación de ascensores e, a diferenza das subvencións doutras administracións, terá en conta criterios de renda.

Entre os investimentos en todo o municipio destacan a pista de skate na Praza da Constitución (393.543 €), o acondicionamento do campo de fútbol de Santa Isabel (524.300 €), a mellora da accesibilidade en Triacastela (409.745 €), as beirarrúas na rúa de Tambre (318.759 €), o aparcadoiro da rúa Altiboia (200.000 €) ou o proxecto Smartiago (460.250 €).

No tocante ao rural existe un incremento en comparación co ano anterior dun 28% destinando, por terceiro ano consecutivo, todos os fondos que recibe o Concello do Plan da Deputación para o rural. Ademais incorporaranse obras financiadas con recursos propios e varios contratos de mantemento para rozas, tanto do rural como dos montes. Inclúense 310.000 euros para as cubertas de pistas deportivas e de pádel en Figueiras, 128.000 euros para a cuberta da pista polideportiva de Verdía ou 267.000 para a segunda fase da ampliación da ponte na Cañoteira e outeiro de Marrozos.

Compartir: