CULTURA

O músico alemán Lars Vogt dirixirá a Real Filharmonía de Galicia e interpretará dúas obras de Beethoven ao piano

17/01/2018 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos. O primeiro terá lugar o xoves, día 18, na súa sede, o compostelán Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas. O venres a orquestra desprazarase a Oviedo, onde ofrecerá unha actuación no Auditorio Príncipe Felipe da cidade asturiana, ás 20:00 horas, no marco dun programa de intercambio coa Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias, que tocará no Auditorio de Galicia o 8 de marzo. A batuta correrá a cargo do alemán Lars Vogt, que ademais interpretará dúas obras ao piano.

Ambas actuacións comezarán co Concerto para piano nº 2 de Beethoven (1770-1827), interpretado nesta ocasión por Lars Vogt, que xa se consagrou como un dos pianistas máis recoñecidos da súa xeración. Nacido na cidade alemá de Düren en 1970, chamou por primeira vez a atención do público en 1990 ao quedar segundo no Concurso Internacional de Piano de Leeds, con tan só vinte anos de idade.

Este versátil artista é cada vez máis demandado como director invitado por numerosas agrupacións. Foi director musical da Royal Northern Sinfonia (Inglaterra) e púxose á fronte das orquestras de Colonia, Múnic, Zúric, Salzburgo, Bremen, Filarmónica de Radio Berlín e Sinfónica de Sidney. Entre as súas próximas colaboracións, destacan os seus proxectos coa Orquestra da Ópera de Hannover, Museumorchester de Frankfurt, Orquestra de Cámara de París, Filarmónica de Varsovia e Sinfónicas de Singapura e de Nova Zelandia.

Ao longo dos seus 25 anos de carreira como pianista actuou con algunhas das máis importantes orquestras de Europa, América e Asia, baixo a batuta dos directores máis recoñecidos. Foi o primeiro "Pianista en Residencia" da Filarmónica de Berlín, coa que colabora con frecuencia. É un artista moi prolífico e o seu disco "Tríos para piano" de Brahms, que gravou xunto á violonchelista alemá Tanja Tetzlaff, foi nomeado aos Premios Grammy.

No ano 2005 Lars Vogt fundou o proxecto "Rhapsody in School", conseguindo a colaboración de recoñecidos músicos para impartir clases en escolas de Alemaña e Austria, conectando os nenos e nenas coa inspiración de artistas consagrados. Consumado e entusiasta docente, foi nomeado en 2013 profesor de Piano no Conservatorio Superior de Música de Hannover.

Obras de Prokofiev, Stravinski e Beethoven
Os concertos de Santiago e Oviedo continuarán coa Sinfonía clásica do compositor ruso Sergei Prokofiev (1891-1953) e co Concerto Bassel do tamén ruso Igor Stravinski (1882-1971). Ambas actuacións concluirán co Concerto para piano nº 3 de Beethoven, interpretado por Lars Vogt.

Compartir: